– Celébrase os días 3 e 4 de outubro con degustación de sidra artesá e diferentes pratos elaborados coas mazás da parroquia. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu á asociación a súa gran labor e felicitounos “por demostrar esa gran unión que se vive na parroquia entre toda a veciñanza”.
– O pregón deste ano correrá a cargo de Virginia Cruz, gañadora do programa “A liga dos cantantes extraordinarios”. Haberá música en directo coa actuación do grupo Gin Toni’s, o Trío 3.Com e música tradicional co Carballo das Cen Polas e o Coro de Cidadelle.
O Concello de Redondela acolleu a presentación da XXIX Festa da Mazá Val do Maceiras, que se celebrará esta fin de semana, os días 3 e 4 de outubro, en Santo Estevo de Negros. O evento está organizado pola asociación veciñal en colaboración co Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, recibiron a unha representación do colectivo veciñal, destacando a rexedora “o compromiso e a gran unión que se vive na parroquia entre toda a veciñanza” para sacar adiante unha cita tan sinalada. O presidente da asociación, Antonio Figueroa, destacou tamén traballo que se fai grazas á veciñanza da parroquia, as persoas de Santo Estevo que participan nos preparativos “e esa unión entre todos e todas é o mellor”.
Os asistentes poderán desfrutar de dúas xornadas de actividades culturais, folclore, música en directo e unha variada oferta de produtos á venda baixo carpa. Entre as especialidades gastronómicas atópanse os tradicionais chourizos á sidra, bacallau con mazá, costela con mazá, empanada de bacallau con mazá, empanada de lombo con mazá, pinchos de polo con mazá e tortas de mazá variadas.
O sábado a festa comezará ás 19:00 horas. Ás 21:00 será a actuación do grupo “Gin Toni’s”. O domingo as degustacións comezarán ás 11:00. Ás 12:00 comezarán as actuacións musicais a cargo do Grupo de Gaitas e o Grupo de Pandeiretas do Carballo das Cen Pólas, e o Grupo de Música e Coro de Cidadelle. Virginia Cruz, gañadora do programa de televisión “A liga dos cantantes extraordinarios” será a encargada de ler o pregón ás 13:30 horas. O fin de festa será ás 16:30 coa actuación musical do Trío 3.Com.
Dende o Concello convídase a toda a veciñanza de Redondela e dos municipios veciños a achegarse ata Santo Estevo de Negros para desfrutar da calidade da nosa gastronomía autóctona nun ambiente inmellorable e protexido baixo carpa.
