– O camiño ten unha lonxitude total de 290 metros. Renovarase toda a pavimentación, cunha superficie aproximada de 1.000 metros cadrados. A actuación inclúe a rede de recollida de augas pluviais en todo o trazado. As obras adxudicáronse por 55.590 euros e estarán rematadas en decembro, se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Os traballos de pavimentación e mellora do camiño da Pedreira, en Saxamonde, avanzan a bo ritmo. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, visitaron esta semana o camiño para comprobar os avances. As obras consisten na mellora de drenaxe e a pavimentación, con aglomerado asfáltico en quente. Esta vía, que discorre entre o camiño de Vilanova xunto ao camiño Vilavella, ata o camiño do Souto, ten unha lonxitude total dun 290 metros. Renovarase toda a pavimentación, o que supón unha superficie aproximada de 1.000 metros cadrados. A actuación inclúe tamén unha rede de recollida de augas pluviais en todo o longo do camiño, polas marxes. A previsión é que os traballos de mellora estean rematados no mes de decembro, se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Segundo explica a alcaldesa trátase dunha obra que mellora “a seguridade e a mobilidade da veciñanza” tanto para os peóns como para o tráfico rodado. Villar sinala que desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade “estase a avanzar na reparación e mellora das estradas e camiños municipais, e o obxectivo é seguir nesta liña tanto con fondos propios do Concello como doutras administracións”.
Esta obra adxudicouse por un importe de 55.590 euros. O investimento está financiado polo Plan Camiña Rural para o período 2025-2026.


