Concello de Redondela

A renovación da liña suprime o paso a nivel de Cesantes e mellora a seguridade

– A alcaldesa, Digna Rivas, agradece o compromiso do Ministerio de Transportes xa que a supresión do paso a nivel de Cesantes “é unha mellora substancial para a mobilidade e seguridade da veciñanza”. A rexedora lembra que esta era unha vella reivindicación do Concello de Redondela. O paso a nivel, de uso peonil, será substituído por un paso baixo a vía de 2,5 metros de ancho e 3 metros de altura.
– Tamén están en marcha a reforma da estación de Redondela e a creación do novo apeadeiro en Chapela. No caso da estación, as obras contan cun investimento de 3,3 millóns de euros para a instalación de ascensores, equipamento, novos  aseos e mellora da praza de acceso. Por outra banda está xa confirmado un novo apeadeiro en Chapela, próximo á Alameda Rosalía de Castro, que vai facilitar os desprazamentos entre Chapela e Redondela, así como as conexións con Vigo e Pontevedra.

O Ministerio de Transportes inicia a renovación do tramo ferroviario Redondela-Bifurcación Arcade por 22,6 millóns. As obras de 7,8 km inclúen ampliación de túneles, mellora de infraestruturas e a supresión do paso a nivel de Cesantes. O Concello de Redondela acolleu con gran satisfacción o anuncio do Ministerio. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que esta reforma suprimirá “o único paso a nivel existente, situado en Cesantes, ao norte do apeadeiro da parroquia”. O paso a nivel, de uso peonil, será substituído por un paso baixo a vía de 2,5 metros de ancho e 3 metros de altura. Rivas móstrase moi satisfeita con este anuncio do Goberno central xa que a reforma permitirá mellorar “a seguridade e a mobilidade nesta zona da parroquia de Cesantes”. Ademais, no conxunto do tramo que se vai a renovar “aumentarase a fiabilidade da rede ferroviaria cunha mellora da calidade do servizo para a cidadanía”. Esta renovación integral fará posible o incremento dos tráficos, tanto de pasaxeiros como de mercadorías, á vez que se mellora a calidade do servizo.

O Ministerio de Transportes iniciou o procedemento expropiatorio dos terreos necesarios para a execución dos traballos. O proxecto afecta a de 27.217 m² de chan rural: 7.408 m² de expropiación, 1.429 m² de servidume e 18.380 m² de ocupación temporal. A Dirección Xeral do Sector Ferroviario abriu o período de Información Pública e convoca aos propietarios ao levantamento de actas previas, que terá lugar o 10 de decembro. Esta actuación poderá ser cofinanciada polo Mecanismo “Conectar Europa” (CEF), unha iniciativa destinada a mellorar a conectividade ferroviaria na UE.

Reforma da estación de Redondela e novo apeadeiro en Chapela

Na estación de Redondela xa están en marcha, cun investimento de 3,3 millóns de euros, os traballos de súa remodelación e mellora da: instalación de ascensores, equipamento do paso inferior, renovación de aseos e outras instalacións, e obras na praza de acceso. Rivas agradece o compromiso de Adif que, deste xeito, avanza na modernización da liña e dos servizos que presta aos viaxeiros e viaxeiras en Redondela.

Por outra banda Adif executa os traballos dentro da modernización do tramo Vigo-Guixar e Guillarei, cun investimento de 32,7 millóns de euros, que inclúe a construción do novo apeadeiro de Chapela. Situarase na contorna da Alameda Rosalía de Castro e a zona coñecida como “Campito”. O novo apeadeiro terá unha plataforma de 220 metros e a parroquia de Chapela contará así cunha parada ferroviaria para o tren Rexional que parte desde Vigo-Guixar. A alcaldesa, Digna Rivas, valorou dun xeito moi positivo este anuncio “que devolve á esta parroquia o apeadeiro que a veciñanza leva anos demandado”. A nova parada de tren “vai facilitar moito os desprazamentos entre Chapela e Redondela, así como as conexións desde o noso municipio con Vigo e Pontevedra”, afirma Rivas. A rexedora sinalou tamén que este novo apeadeiro do ferrocarril “sitúase nunha zona moi céntrica da parroquia, e vai dar servizo a moitos veciños e veciñas para os seus traslados diarios tanto a Redondela como a Vigo ou Pontevedra dun xeito cómodo e rápido”.

Compartir