Concello de Redondela

Cedeira estrea o “Roteiro da Auga” e pon en valor a súa riqueza natural e arqueolóxica

– O sendeiro circular, de 7,5 km, percorre a nacente do Monte Penide, destacando pola súa biodiversidade e os petróglifos do Coto do Corno. Coa sinalización do roteiro Redondela pon en valor a riqueza natural e arqueolóxica da zona e a historia da traída de auga en Cedeira “feita grazas ao esforzo e compromiso dos homes e mulleres que traballaron e traballan por este servizo básico”, explica a alcaldesa.
– A sinalización deste roteiro, cun orzamento de 8.600 euros, correu a cargo dos fondos participativos do Concello de Redondela transferidos ao Consello Parroquial. Esta iniciativa, en colaboración coa Comunidade de Augas de Cedeira, reafirma o compromiso do goberno local e do movemento asociativo co turismo sostible, o medio ambiente e a preservación da memoria histórica local.

O Concello de Redondela segue a apostar pola posta en valor do patrimonio natural e cultural do municipio. Esta mañá presentouse oficialmente a sinalización do Roteiro da Auga en Cedeira, un proxecto que busca dar a coñecer a riqueza paisaxística, histórica e ecolóxica da parroquia. Ao acto de presentación asistiu a alcaldesa, Digna Rivas, co concelleiro de Medio Ambiente e Ensino, Alberto Álvarez, os representantes da Comunidade de Augas coa presidenta Guadalupe Maestú, Leoncio Vidal, José Ramón Alonso e Nicanor Nieto, así como o director do CEIP Cedeira, José Luis Ojea. O colexio, nas inmediacións deste sendeiro, poderá beneficiarse desta nova ruta sinalizada que ten un marcado carácter comunitario, divulgativo e educativo. Rivas destacou que, con esta sinalización, “poñemos en valor a riqueza natural e arqueolóxica de Cedeira, e tamén o traballo e compromiso dos homes e mulleres desta parroquia coa súa terra”. A historia da traída de auga en Cedeira é protagonista do sendeiro “ un servizo básico que se conseguiu grazas á organización veciñal”.

Un roteiro entre a historia e a natureza. O Roteiro da Auga é un sendeiro circular de arredor de 7,5 km que percorre a ladeira de nacente do Monte Penide (coñecido tamén como Monte Mirallo). Esta vertente é rica en mananciais que abastecen á parroquia, polo que o camiño permite coñecer as estruturas tradicionais de captación e distribución da auga, integradas nunha paisaxe forestal diversa. Ao longo do percorrido, os sendeiristas poderán observar masas de piñeiro e eucalipto mesturadas con zonas de matogueira (toxos, xestas, uces) e tramos autóctonos con carballos, sobreiras, castiñeiros e loureiros.

Biodiversidade e Anfibios como sentinelas. O roteiro é un espazo ideal para a observación de aves forestais diúrnas, como o picapau grande, o peto verdeal ibérico, o subidor común ou diversos ferreiriños. Ademais, a ruta destaca pola súa biodiversidade ao solpor, cando é posible observar unha sorprendente diversidade de anfibios, indicadores do bo estado ecolóxico dos mananciais e regatos da zona.

O conxunto arqueolóxicos do Coto do Corno. Un dos puntos fortes do roteiro é o conxunto de petróglifos do Coto do Corno, datados de hai arredor de 4.000 anos. A pesar das alteracións sufridas no pasado por canteiros e infraestruturas, consérvanse círculos concéntricos, liñas, coviñas, muíños naviculares e a singular representación dun cervo. O Concello fai un chamamento á “responsabilidade” para a preservación deste patrimonio tan fráxil, lembrando a necesidade de “non camiñar sobre os gravados, non tocalos nin empregar auga sobre eles”.

Historia da traída de auga. O roteiro tamén pon en valor a organización veciñal. A través de códigos QR, os visitantes poden acceder a vídeos onde os propios comuneiros explican o funcionamento do sistema de traída de auga, dende os primeiros pasos veciñais ata a moderna tecnoloxía de control telemático, convertendo a ruta nunha viaxe pola historia e a xestión sostible do recurso na parroquia.

A sinalización deste roteiro, cun orzamento de 8.600 euros, correu a cargo dos fondos participativos do Concello de Redondela transferidos ao Consello Parroquial de Cedeira. Foron os propios representantes veciñais os que escolleron este proxecto. A iniciativa, realizada en colaboración coa Comunidade de Augas de Cedeira, reafirma o compromiso do goberno local e do movemento asociativo co turismo sostible, o medio ambiente e a preservación da memoria histórica local.

Compartir