Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello adxudica as obras da nova pasarela de Vilavella e os traballos comezarán en breve

– A alcaldesa, Digna Rivas, salienta que a actuación é unha realidade inminente. Esta ponte permitirá conectar de xeito “directo, seguro e accesible” o aparcadoiro de Vilavella co paseo fluvial. O obxectivo é “fomentar a mobilidade sustentable, reducir o tráfico rodado e dar protagonismo aos peóns”, explica Rivas. A actuación, nacida dunha proposta de AER, comezará a executarse nos vindeiros días.

O Concello de Redondela dá o paso definitivo para a execución da nova pasarela peonil sobre o río Maceiras coa adxudicación do contrato de obras. Completados os trámites administrativos correspondentes, o proxecto converterase nunha realidade na contorna de Vilavella. A empresa adxudicataria iniciará os traballos previos sobre o terreo nos vindeiros días.

Unha vez superado o período de licitación, a infraestrutura permitirá cumprir o obxectivo de conectar de xeito “directo, seguro e accesible” o aparcadoiro disuasorio de Vilavella co paseo fluvial. A intervención busca fomentar a mobilidade sustentable, reducir o tráfico rodado no centro urbano e dar todo o protagonismo aos peóns. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que a infraestrutura “garantirá que calquera persoa, teña ou non problemas de mobilidade, poida desprazarse con total seguridade”.

Esta actuación, impulsada orixinalmente por AER (Agrupación de Electores de Redondela), comezará a executarse en breve. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, amósase moi satisfeito por ter superado todos os trámites e que esta pasarela, que era unha demanda veciñal, sexa un realidade nas vindeiras datas. “A pasarela humaniza a contorna e ofrece unha alternativa segura e amable tanto para as persoas que queren percorrer o paseo fluvial como para as que queren acceder ao centro da vila sen depender do coche”, explica Villar.

Un deseño sostible e respecto ambiental

A pasarela salvará o río Maceiras sen necesidade de instalar ningún tipo de apoio no leito, o que protexerá por completo o ecosistema fluvial. A estrutura contará con cimentacións de formigón armado, varandas de madeira de 1,10 metros de altura e unha estética totalmente integrada na paisaxe. As súas pendentes suaves garantirán unha accesibilidade universal.

O proxecto, que conta cun orzamento de licitación de 24.254 euros, finánciase a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Compartir