A alcaldesa, Digna Rivas, visitou ao alumnado e profesorado que comezaron o curso.
– A iniciativa, impulsada pola concellería de Igualdade, tivo unha excelente acollida por parte da veciñanza, o que levou ao Concello a aumentar o número de prazas dispoñibles . O obxectivo principal é “avanzar cara a un municipio máis inclusivo, facilitando ferramentas de comunicación que eliminen barreiras”.
Concello de Redondela iniciou este mes as clases do novo curso de lingua de signos, unha acción formativa que arrincou cunha valoración moi positiva e unha gran motivación por parte de todos os asistentes. A convocatoria espertou moito interese e completou todas as prazas ofertadas, polo que a concellería de Igualdade ampliou as vacantes para dar resposta a todas as solicitudes.
Cun perfil de alumnado moi diverso, de diferentes idades e sectores profesionais, o curso foi deseñado para ofrecer unha introdución práctica e accesible a esta lingua. Os participantes amosaron un gran compromiso coa aprendizaxe, destacando a calidade dos contidos e a necesidade de promover este tipo de formación en Redondela.
A alcaldesa, Digna Rivas, visitou ao alumnado do curso no Multiusos da Xunqueira, e sinalou que o éxito desta convocatoria demostra “a sensibilidade e o interese real da poboación por construír unha sociedade máis xusta”. Rivas sinala que a lingua de signos non é só unha ferramenta de comunicación, senón “unha chave fundamental para a inclusión e o respecto á diversidade”. Para o Goberno local este tipo de proxectos son “prioritarios” para garantir que Redondela sexa un municipio accesible para todos e todas.
A administración local imparte tamén un curso específico de nocións básicas en lingua de signos dirixido ao persoal municipal. Con esta iniciativa a concelleira de Igualdade busca garantir unha atención ao público accesible. O Concello reafirma así o seu compromiso coa eliminación de barreiras e avanza que, dada a boa resposta recibida, valorarase a posta en marcha de novas edicións ou niveis máis avanzados de cara ao futuro.