Concello de Redondela

ATA AQUÍ CHEGABA O MAR! a proposta de ArteLixo 2026

– A inscrición para participar nesta edición está aberta ata o 15 de marzo no formulario ArteLixo 2026

O ArteLixo 2026 bota a andar co lema “Ata aquí chegaba o mar!”. Nesta edición o ArteLixo intégrase no proxecto Mariscando conCiencias para o Futuro que contempla a Arte Cidadá como unha composición de saberes para imaxinar e construír futuros sostibles. Unha iniciativa, na que participamos AMARTURMAR, grupo de profesionais da pesca costeira artesanal, Future Oceans Lab (Uvigo), grupo de investigación adscrito ao campus do mar da Universidade de Vigo, ArteLixo, Concello de Redondela e Cidadania S. Coop. Galega, cooperativa que promove a participación social nas políticas públicas.

O ArteLixo segue a ser un certame ecoloxista, solidario, colaborativo, con consciencia e con vontade de compartir, e abre a convocatoria para todas as persoas e colectivos que desexen participar. As obras teñen que estar feitas con material de refugallo e expoñeranse polas rúas, prazas e escaparates de Redondela durante o certame.

Como inscribirse no ArteLixo2026?

Cubrir o formulario de inscrición antes do 15 de Marzo de 2026.

A inscrición faise mediante un formulario. O formulario podedes cubrilo na ligazón Inscrición ArteLixo 2026

Unha vez rematado o prazo de inscrición a organización porase en contacto coas autoras/es das obras para concretar os detalles de localización e calquera outro que poida xurdir.

Para máis información poden dirixirse ao correo electrónico: artelixoredondela@gmail.com, ou no teléfono 604 03 92 13

PRAZO DE INSCRICIÓN: ATA O 15 DE MARZO

EXPOSICIÓN: DO 28 DE MARZO AO 11 DE ABRIL

Compartir