– O evento deportivo, que reunirá a elite do atletismo autonómico, celebrarase o domingo 12 de abril no centro urbano, cun percorrido con saída e meta na Casa do Concello que garante espectáculo e proximidade co público.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que “a proba non vai defraudar” e convida a veciñanza a vivir esta festa do deporte na que participarán centos de atletas de todas as idades, tanto nenos e nenas como categorías absolutas e veteranos.
O Concello de Redondela reafirma o seu compromiso co deporte de alto nivel ao presentar esta mañá o XVII Campionato Xunta de Galicia de Milla en Ruta e 1 Km, que terá lugar no municipio o vindeiro 12 de abril. A presentación oficial celebrouse hoxe no Concello, coa presenza de representantes municipais, da Federación Galega de Atletismo, da Xunta de Galicia e da Asociación Deportiva C.A.R. de Redondela.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o orgullo que supón para o municipio acoller esta competición, declarando que “Redondela será a capital galega do atletismo e esta proba non vai defraudar”. Rivas subliñou a importancia de levar o deporte ás rúas, anticipando que “a veciñanza sairá á rúa para esta festa do deporte, cunha gran participación de atletas do CAR”. Pola súa banda, Antonio Cabaleiro, Concelleiro de Deportes, salientou o alto nivel técnico da proba e o traballo realizado para o deseño do circuíto.
Un espectáculo deportivo no corazón da vila
O Campionato Xunta de Galicia de Milla e 1 Km en Ruta é unha das probas máis relevantes do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. A diferenza das competicións en pista, este formato en ruta transcorre por espazos urbanos pechados ao tráfico e permite un contacto directo coa cidadanía, aumentando o atractivo e a interacción co público. O ten o seu centro neurálxico na Casa Consistorial, onde se atopa a saída e a meta. O percorrido realizarase entre as rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. Os atletas da distancia de Milla darán 3 voltas, mentres que os de 1 km darán 2 voltas ao circuíto, garantindo un espectáculo rápido e intenso.
Á presentación asistiron, ademais da alcaldesa e o concelleiro de Deportes,o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Pablo Sanmartín, e David Posada, delegado en Vigo da Federación, Blanca García-Señoráns, Directora Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e Ana María Romasanta, presidenta da Asociación Deportiva C.A.R. de Redondela. Coa organización deste campionato, Redondela reafirma a súa aposta pola promoción da vida saudable e o deporte, converténdose no epicentro do atletismo galego durante esta xornada.
