– Uns 500 escolares dos institutos de Redondela celebraron o éxito do reto “Unha semaniña enteira” co concerto de Wöyza. A artista moañesarepasou os seus éxitos e animou á rapazada e soñar e cambiar as cousas “por unha sociedade máis xusta”.
– A alcaldesa Digna Rivas, responsable do departamento de Normalización Lingüística, valora positivamente esta campaña para a promoción do galego entre a mocidade. A rexedora confía en que retos coma este sirvan “para normalizar o uso da nosa lingua en todos os ámbitos da sociedade” e reafirma o compromiso do seu goberno “para colaborar en todas as iniciativas que se poñan e marcha a prol da lingua”.
O Concello de Redondela pechou onte na Alameda Castelao unha nova edición da campaña de dinamización lingüística “Unha semaniña enteira”. O broche de ouro correu a cargo da artista Wöyza, que fixo vibrar a uns 500 alumnos e alumnas dos catro institutos do municipio: IES Chapela, IES Floriani, IES Mendiño e IES Illa de San Simón. A súa música, feminista e reivindicativa, fusiona diferentes estilos con letras en galego cos que animou á rapazada a” soñar e cambiar as cousas para construir unha sociedade máis xusta”.
Esta iniciativa, impulsada polos equipos de Normalización Lingüística dos centros educativos co apoio do Concello, desafiou á mocidade a manter o uso do galego as 24 horas do día durante sete xornadas consecutivas. Como recompensa polo seu compromiso, os participantes gozaron do directo de Wöyza, referente da música urbana en galego, quen achegou os seus ritmos soul e hip-hop á alameda redondelá.
A alcaldesa, Digna Rivas, felicitou á rapazada por demostrar que o galego é unha lingua “viva e necesaria en todos os espazos”, animándoos a que este hábito non quede só nunha semana, senón que se estenda a todo o ano. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello, do que Rivas é a responsable, valorou moi positivamente a xornada, que serviu non só como festa de clausura “senón como un espazo de convivencia para o alumnado dos institutos arredor da lingua propia”.
