Concello de Redondela

O IV Choquiño Urban Jam completa a oferta do Urban Fest co deporte máis espectacular

Imaxes dunha edición anterior do Choquiño Urban Jam.

– O Concello organiza actividades gratuítas con obradoiros de Parkour, Skate, Breaking e Stencil. Os talleres rematarán cunha exhibición profesional de BMX FlatLand. A alcaldesa fai un chamamento á participación da rapazada: “É unha gran oportunidade para iniciarse ou perfeccionar estas disciplinas con monitores profesionais”.
– A programación de deportes urbanos na Marisma sumarase a unha competa xornada de actividades coas actuacións musicais de Ortiga, 9Louro e Kike Varela no Campo da Feira. A alcaldesa destaca a importancia de ofrecer á mocidade actividades de lecer saudables para dar saída “ao seu talento, creatividade e enerxía”. Será un evento “único e integrador onde os espazos públicos terán máis vida ca nunca”, afirma Rivas.

O Concello de Redondela aposta firmemente polas novas tendencias coa celebración do IV Choquiño Urban Jam o vindeiro sábado 30 de maio. Esta completa programación de deportes e disciplinas urbanas servirá como antesala e complemento perfecto do I Choquiño Urban Fest, o gran festival musical de balde dirixido á mocidade. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia de ofrecer ás novas xeracións este tipo de propostas: “Queremos que Redondela sexa un referente en espazos de lecer saudable. O Choquiño Urban Jam e o Urban Fest son unha canle par o talento, a creatividade e a enerxía de toda a nosa mocidade”. Redondela celebra un evento “único, integrador e totalmente gratuíto onde os espazos públicos cobran máis vida ca nunca”, afirma Rivas. A música e o ritmo nocturno correrán a cargo de referentes da escena alternativa e electrónica galega como Ortiga, 9Louro, Kike Varela e French Rivera xunto a recoñecidos picadiscos como Rodri Vegas, Dj Valdi e Ramsés López.  A partir das 19.30 no Campo da Feira.

IV Choquiño Urban Jam

Desde as 11.00 horas a contorna do SkatePark da Marisma acollerá unha intensa xornada de acción. Para isto instalarase unha infraestrutura modular profesional que acollerá obradoiros formativos e exhibicións. Celebrarase un obradoiro de Breaking, para rapazada desde os 8 anos, con introdución á danza urbana e acrobacias. A partir dos 10 anos poderán participar nos obradoiro de Parkour (con técnicas de salto), Skate (con práctica de xiros e trucos), e un taller de Stencil (a arte urbana de customización de camisetas con sprays e plantillas). Para rematar, na zona deportiva da Marisma o público desfrutará dunha exhibición profesional de BMX FlatLand. Nesta disciplina, os pilotos executarán complexas manobras de equilibrio e xiros antes de que a música comece a soar no Campo da Feira.

A alcaldesa convida a toda a rapazada de Redondela a participar nesta xornada, “unha oportunidade inmellorable para iniciarse ou perfeccionar estas disciplinas de deporte urbano da man de monitores profesionais”.

Compartir