Concello de Redondela

A cidadanía de Redondela escolle o próximo “Espazo sen fume” do municipio

– Redondela pon en marcha a súa I Semana sen Fume. A iniciativa nace da Mesa Local de Saúde para concienciar sobre os riscos do tabaquismo e promover hábitos saudables. O Concello declarará un espazo público “libre de fume”. A cidadanía poderá escoller entre o Paseo de Arealonga, a Xunqueira e a Alameda de Castelao, que son os lugares propostos polo alumnado dos institutos.
– A votación popular estará aberta na web e redes sociais municipais ata o vindeiro 24 de maio. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que coa votación popular “construímos xuntos un modelo de vila máis saudable, sostible e respectuosa co benestar de todos” .

Redondela pon en marcha a súa I Semana sen Fume, unha iniciativa xurdida do grupo de traballo en saúde infanto-xuvenil da Mesa Local de Saúde. O obxectivo prioritario desta campaña é concienciar á poboación sobre os riscos derivados do tabaquismo e fomentar hábitos de vida saudables en todo o termo municipal.

A primeira actividade da programación será a votación popular organizada en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC). As veciñas e veciños de Redondela poderán decidir que espazo público do municipio será declarado oficialmente como “Libre de Fume”. As opcións foron propostas polo alumnado dos institutos. A rapazada participou nun concurso de carteis e vídeos no que argumentaron os motivos para protexer estes lugares do fume do tabaco. Os espazos finalistas son: paseo de Arealonga (proposta do IES Chapela); a Xunqueira (proposta do IES Illa de San Simón) e a Xunqueira e alameda Castelao (proposta do IES Mendiño). A votación realízase de xeito telemático a través da páxina web e as redes do Concello, e estará aberta ata o 24 de maio. Pódese acceder á enquisa no seguinte enlace: Espazos.Sen.Fume.Redondela.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o papel dos institutos nesta campaña: “O alumnado demostrou estar moi comprometido e deseñou as propostas. Agora será a veciñanza a que escolla o espazo público que se declarará libre de fume. Deste xeito construímos xuntos unha vila máis saudable e respectuosa co benestar de todas e todos”. Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Saúde, Alberto Álvarez, subliñou o dobre impacto da iniciativa: “Por unha banda melloramos a calidade do aire e a saúde pública, e ao mesmo tempo evitamos a contaminación das cabichas nestes espazos públicos.”

Obradoiros informativos e acto oficial. A programación continuará o xoves 28 de maio cun obradoiro impartido por persoal técnico da AECC. Estas charlas, dirixidas ao alumnado dos institutos, abordarán as consecuencias do consumo de tabaco e dos dispositivos de vapeo (vápers). As sesións celebraranse nos multiusos de Chapela e de Redondela. Como colofón da semana, o venres 29 de maio terá lugar o acto institucional de declaración oficial como “Espazo Libre de Fume” o lugar que resulte gañador na votación popular.

Compartir