– Redondela pon en marcha medidas para restrinxir o consumo de auga potable nos servizos onde non sexa imprescindible. As duchas e lavapés dos areais do municipio quedan fóra de servizo, o baldeo de rúas con auga potable suspéndese temporalmente e redúcese ao mínimo o rego de xardíns públicos.
– Desde o Concello solicítase a colaboración de toda a cidadanía para facer un uso responsable da auga. A recomendación é evitar usos prescindibles como o lavado de vehículos con mangueira, o cheo ou recheo de piscinas privadas e o rego excesivo de hortas e xardíns particulares.
O Concello de Redondela activou un paquete de medidas urxentes de aforro de auga potable en todas as dependencias e espazos públicos do termo municipal. Esta decisión aplícase logo do comunicado oficial da empresa responsable do subministro no que se advirte que o nivel de reservas do encoro de Eiras está por do volume rexistrado nestas mesmas datas en anos anteriores.
O Goberno local quere aclarar que, a día de hoxe, o municipio non está incluído na listaxe de Concellos que a Xunta de Galicia sitúa en estado de prealerta por seca. Con todo, a alcaldesa sinala que estas restricións se adoptan “por estrita precaución e responsabilidade anticipada, co obxectivo de evitar que a situación das reservas empeore nas vindeiras semanas”, explica Digna Rivas.
As primeiras accións preventivas inclúen o peche inmediato do subministro nas duchas e lavapés de todas as praias do municipio. Así mesmo, os servizos municipais suspenderon temporalmente o baldeo de rúas co uso de auga potable e clausuraron o funcionamento das fontes ornamentais. O rego de xardíns e zonas verdes públicas queda restrinxido ao mínimo indispensable para garantir de forma exclusiva a supervivencia da vexetación.
Dada a conxuntura climática, o Concello reitera o seu chamamento á colaboración e á sensibilidade de toda a veciñanza e dos visitantes. Solicítase realizar un uso responsable e controlado da auga tamén no ámbito doméstico evitando usos prescindibles como o lavado de vehículos con mangueira, o cheo ou recheo de piscinas privadas e o rego excesivo de hortas e xardíns particulares. Rivas insiste en que “coidar as reservas actuais é o único camiño para protexer o abastecemento humano e evitar futuras limitacións máis drásticas”.