Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello avanza as obras de pavimentación en camiños de Chapela, Cabeiro, Cesantes e Reboreda

Estado actual do camiño dos Lagos, en Cabeiro.

– O Goberno local pon en marcha os primeiros proxectos do Plan de Investimentos de Camiños Municipais. Xa están adxudicadas as obras para comezar a reforma integral en Chapela do pavimento no camiño da Horta, en Río Frío, os camiños dos Lagos e Peiteados, no barrio da Igrexa, e a reparación do Camiño do Penedo, en Porto Cabeiro.
– A alcaldesa, Digna Rivas, avanza que a vindeira semana formalizaranse os contratos para comezar as obras nos camiños de Outeiro das Penas e de San Pedro, en Cesantes, e o camiño dos Tereixos en Reboreda. O plan do Goberno local, cun investimento de 2,7 millóns de euros, permitirá reformar e mellorar un total de 68 camiños en todas as parroquias do municipio.

O Concello de Redondela avanza na execución do seu Plan de Investimento nos camiños municipais coa adxudicación dos primeiros proxectos de pavimentación. As actuacións iniciais arrancarán proximamente nas parroquias de Chapela e Cabeiro. As obras forman parte da folla de ruta municipal para actuar nun total de 68 viarios públicos cun orzamento global que supera os 2,7 millóns de euros, orientado a corrixir o firme, previr inundacións e reforzar a seguridade viaria nas parroquias.

En Chapela realizarase unha mellora integral do pavimento. A superficie a renovar será duns 500 m2. En Cabeiro executaranse dous proxectos: a renovación asfáltica e posta a punto da rede de pluviais nos camiños dos Lagos, con 200 metros de longo, e Peiteados , con 132 metros, por 29.367,80 euros. Tamén está contratada a reparación da capa de rodadura no Camiño do Penedo, de 176 metros de lonxitude en Porto Cabeiro por 25.577,89 euros.

A maiores destas obras xa adxudicadas, o executivo local formalizará esta semana outros tres contratos: en Cesantes farase a reforma integral do camiño de Outeiro das Penas e o de San Pedro, mentres que en Reboreda farase a adxudicación para a reforma do camiño dos Tereixos. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia de materializar estes primeiros contratos “que responden ás propias demandas dos veciños e veciñas e que foron aprobados por unanimidade nos respectivos Consellos Parroquiais”.

Investimento histórico nos camiños parroquiais

O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, salientou que é a primeira vez en 15 anos que se fai un investimento deste tipo nos camiños municipais das parroquias. O edil salientou ademais que “o 70% dos proxectos que se van a executar foron realizados polos propios técnicos municipais, o que significa un gran aforro para as arcas do Concello”. Villar incidiu tamén nos aspectos técnicos e de respecto ambiental do proxecto: “Non nos limitamos a botar unha nova capa de asfalto. Todas as actuacións aprobadas inclúen criterios de sostibilidade, como a modernización e ampliación das redes de augas pluviais e o uso de materiais de alta durabilidade. Con isto evitamos asolagamentos, garantimos unha maior resistencia fronte ao cambio climático e reducimos os custos de mantemento a longo prazo”.

Estado actual do camiño dos Peiteados, barrio da Igrexa, Chapela.
Estado actual do camiño do Penedo, Porto Cabeiro, parroquia de Cabeiro.
Estado actual do camiño da Horta, en Río Frío, Chapela.
Estado actual doutro dos tramos no camiño da Horta.
Estado actual do camiño do Penedo, en Cabeiro.

Compartir