Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello celebra o éxito de “Redondela actívate” cunha gran acollida do baile na praia

Sesión de “Baile e Benestar” no paseo da praia da Punta, Cesantes.

– Os areais de Arealonga, en Chapela, e o da Punta, en Cesantes, énchense de ritmo de luns a xoves a partir das 18.00 horas. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca a gran participación con público de todas as idades nesta actividade “divertida, saudable e gratuíta”.
– A Concellería de Servizos Sociais e Maiores ofrece diferentes propostas en horarios de mañá e tarde con baile e tai chi. A oferta proporciona unhas excelentes actividades que combina exercicio físico, música e socialización.

O programa de actividades de verán “Redondela Actívate”, organizado pola Concellería de Servizos Sociais e Maiores do Concello de Redondela, continúa a colleitar excelentes cifras de participación en todas as súas modalidades. O plan deste ano combina propostas de exercicio físico, estimulación cognitiva e socialización, distribuídas en quendas de mañá e tarde para facilitar a asistencia de toda a veciñanza de máis idade. O Goberno destaca de xeito especial o éxito que están a ter as clases “Baile e Benestar” con sesións coreografadas polas tardes nas praias do municipio.

Estas sesións vespertinas desenvólvense sempre a partir das 18:00 horas, distribuídas de luns a xoves. Na praia de Arealonga (Chapela) son os luns e mércores, mentres que os martes e xoves as clases trasládanse á praia da Punta (Cesantes). Ambos espazos convertéronse en auténticas pistas de baile ao aire libre, congregando a ducias de persoas que se divirten e póñense en forma ao ritmo da música nunha contorna natural privilexiada. As coreografías, deseñadas por unha monitora especializada, “melloran a coordinación, a axilidade e a resistencia cardiovascular”, explica a alcaldesa, Digna Rivas. A rexedora destaca “a gran participación” con público de todas as idades nesta actividade “divertida, saudable e gratuíta”.

En horario de mañá celébranse as clases de “Baile e Benestar” a partir das 09:30 horas todos os luns na Senda Verde de Chapela e os martes na Alameda de Redondela. Por outra banda, as clases “Activa o teu Equilibrio”, que combinan ximnasia e Tai Chi, traballan o control corporal. As sesións son os mércores na Senda Verde de Chapela e os xoves na Alameda Castelao.

Outra das novidades deste verán é o “Faladoiro en Cadeneta: Libros, agullas e vida”, un punto de encontro socio-cultural e de intercambio de experiencias que se celebra os venres. A cita é de 11:30 a 12:30 horas na Biblioteca de Redondela.

Os “Roteiros Didácticos” son outra das actividades que se ofertan este verán, O próximo será o venres 17 de xullo, ás 09:30 horas, desde a Alameda Rosalía de Chapela. O venres 24, á mesma hora, desde a Praza do Concello.

A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Iria Vilaboa, amosa a súa satisfacción pola excelente acollida. “Os maiores, pero tamén público máis novo, mantéñense activos nun ambiente fresco, divertido e natural, o que redunda no seu benestar físico e emocional tamén no verán”.

Compartir