Digna Rivas con profesorado e alumnado de Mediación Comunicativa do IES Chapela no Día Nacional da Lingua de Signos
– O Goberno local abre o prazo de preinscrición do 7 ao 19 de agosto para unha formación dirixida a maiores de idade, cun custo subvencionado de 50 euros. Tamén se oferta un obradoiro para os empregados públicos co obxectivo de eliminar as barreiras de comunicación na administración.
O Concello de Redondela, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, aposta pola inclusión real e a eliminación das barreiras comunicativas cun programa formativo en Lingua de Signos. Co obxectivo de construír un municipio máis accesible e cohesionado, o goberno local ofrece formación aberta á veciñanza, ao tempo que capacitará aos seus propios traballadores públicos para mellorar a atención directa ás persoas xordas.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou a importancia de que a propia administración dea o primeiro paso: “A nosa prioridade é avanzar cara a unha administración 100% accesible, onde calquera veciño ou veciña poida ser atendido con dignidade e sen atrancos comunicativos; formar ao noso persoal é un acto de xustiza social e eficacia pública”. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, puxo en valor o impacto da formación para a poboación: “Queremos dotar á veciñanza de ferramentas que fomenten a empatía e a igualdade no día a día, garantindo unha convivencia integradora onde ninguén quede á marxe”.
Por unha banda, a formación destinada á cidadanía maior de 18 anos consta de 30 horas lectivas cun curso subvencionado que se impartirá no Multiúsos da Xunqueira. Será os mércores e venres de 17:00 a 19:30 horas, e comezará o 4 de setembro. O prazo de preinscrición estará aberto do 7 ao 19 de agosto a través do Rexistro Xeral ou da Sede Electrónica. O custo é de 50 euros. Unha vez confirmada a praza, os admitidos terán tres días hábiles para facer o pago na Oficina de Recadación ou na sede virtual.
Como novidade e reforzo institucional desta campaña, o Concello ofrece unha formación específica de 10 horas de duración dirixida ao persoal municipal. Este curso ten como obxectivo dotar aos traballadores públicos de ferramentas para facer da administración local un espazo de inclusión real.
