Imaxe de arquivo da Feira de Oportunidades nunha edición anterior.
– A alcaldesa, Digna Rivas, amosa o seu apoio ao comercio de proximidade “que é a vida e a alma do municipio”. A rexedora aplaude a proposta da Asociación de Empresas de vincular a feira co Camiño de Santiago, “que aproveita o fluxo e o gran escaparate que supón a ruta Xacobe ao seu paso polo municipio”. A feira celebrarase os días 16 e 17 de outubro na rúa Ribeira.
O Concello de Redondela e os representantes do sector comercial integrados na Mesa Local de Comercio deron luz verde á celebración da vindeira Feira de Oportunidades. O evento estará integrado na campaña de dinamización “Redondela no Camiño”, unha proposta impulsada pola Asociación de Empresas.
Tras a reunión extraordinaria mantida polos membros da mesa sectorial, acordouse por unanimidade fixar a cita os días 16 e 17 de outubro de 2026. Tras barallarse diversas opcións propostas polo Concello, os comerciantes optaron finalmente pola rúa Ribeira como emprazamento para esta nova edición. O presidente da Mesa e concelleiro delegado, Alberto Álvarez Pérez, destacou o compromiso do Concello por ofrecer un espazo idóneo que garanta todas as condicións técnicas, de seguridade e de loxística. Desde o Concello propuxéronse tamén outras alternativas como a Praza de Ponteareas, a Alameda, a praza da Constitución ou o Campo da Feira. Álvarez Pérez sinala que en todos eles “pode garantirse a seguridade dos participantes, e a correcta instalación dos postos e dos cadros eléctricos con potencia suficiente para o evento”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, aplaudiu a iniciativa presentada pola asociación e quixo amosar publicamente o seu total apoio ao comercio de proximidade: “O pequeno comercio e a hostalería son a alma de Redondela; xeran emprego, manteñen viva a nosa vila e ofrecen un servizo inmellorable aos nosos veciños e veciñas. Desde o Concello imos seguir camiñando da man dos nosos autónomos e empresarios, colaborando en todo o necesario para que proxectos coma este sexan un éxito absoluto”.
A rexedora destacou tamén o acerto de vincular a feira ao eixe do Camiño de Santiago: “Esta iniciativa non só pon o foco no gran potencial do noso tecido comercial, senón que aproveita o fluxo e o gran escaparate que supón o Camiño ao seu paso polo municipio, onde conflúen a ruta portuguesa do interior e a da costa”.
Na xuntanza da Mesa Local de comercio, presidida polo concelleiro do ramo Alberto Álvarez Pérez, participaron Rita Pérez Táboas, edil de Economía e Turismo, Julia Alonso Gómez, en representación da Asociación de Empresarios de Redondela e Fernando Vicente Dávila, xefe de Entidades e Coordinación Comercial, da Xunta de Galicia.