Skip to main content

Concello de Redondela

Urbanismo

A Área de Urbanismo do Concello de Redondela encárgase da actuación urbanística, incluíndo a planificación, as licenzas, as disciplinas urbanísticas, a conservación de edificios, os proxectos e as obras municipais.

Contacta

Camiño Pouso de Arriba, un dos que vai ser renovado dentro do Plan de Investimento.

– Os traballos foron xa adxudicados e inclúen a renovación dos camiños Costeira, Magariñas, Cupiño, camiño Novo Quintela, Fonte da Lama, Muíño do Muro, Pouso de Arriba e camiño da Faxina. Tamén se pavimentará por primeira vez o camiño Verdeal. Serán máis de 7.000 metros cadrados de superficie nova nuns dous quilémetros de camiños.
– O Goberno local renovará os pavimentos danados, solucionará os problemas de fochancas e estenderá novas redes de pluviais para evitar asolagamentos. Os traballos están integrados no Plan de Investimentos nos Camiños Municipais, dotado cun total de 2,7 millóns de euros de fondos propios.

O Concello de Redondela segue a avanzar con paso firme na mellora e modernización da rede viaria de todas as súas parroquias. O Goberno municipal deu luz verde á adxudicación do proxecto de pavimentación e mellora nun total de 9 camiños públicos da parroquia de Quintela, cun investimento conxunto que supera os 244.000 euros. Os traballos permitirán renovar 7.620 metros cadrados de vías na parroquia.

Trátase dos camiños da Costeira, Magariñas, Cupiño, camiño Novo Quintela, Fonte da Lama, Muíño do Muro, Pouso de Arriba, camiño da Faxina e Verdeal. En todos eles se vai renovar completamente o pavimento asfáltico, que no caso de Verdeal será pavimentado por primeira vez. No camiño Muíño do Muro o tramo final, próximo ao paseo do río Maceiras, rematarase cun pavimento especial de adoquín e bordo de pedra para embelecer a contorna natural. No da Faxina tamén se construirá un muro de formigón de 30 metros de longo para amparar o bordo do camiño.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que con este novo paso cumprirase “o compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Quintela”. “Este plan supón un esforzo económico sen precedentes realizado integramente con recursos do propio Concello, co único obxectivo de dar resposta ás necesidades reais do noso rural, mellorando uns camiños que levaban anos sen recibir o mantemento axeitado”, sinalou a rexedora.

Pola súa parte, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explicou o alcance destas intervencións. “Non nos limitamos a estender asfalto sobre a superficie; a nose folla de ruta prioriza a sostibilidade e a durabilidade das nosas infraestruturas rurais”, afirmou Villar. As canalizacións de pluviais resolverán as escorrentías de auga “e evitarán a deterioración prematura do asfalto por mor das choivas”, engadiu Villar.

Estas intervencións en Quintela inclúense no Plan de Investimentos nos Camiños Municipais, financiado ao 100% con 2,7 millóns de euros de fondos propios do Concello de Redondela. O plan inclúe máis de 70 camiños de todo o municipio.

Estado actual do camiño Eido de Andrea, en Cesantes.

– O Goberno local dá luz verde á pavimentación con formigón e renovación de drenaxe no Camiño Outiz de Abaixo, no Barrio Portela. As actuacións inclúen tamén un proxecto de máis de 59.000 euros para reasfaltar e canalizar as augas pluviais en tres camiños de Cesantes: Eido da Andrea, Panquente e Fonte do Rial.
-A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que “estas adxudicacións son un paso máis na nosa política de atender as necesidades reais do rural, equilibrando os investimentos para que toda a veciñanza dispoña de conexións cómodas, modernas e seguras”.

O Concello de Redondela continúa co seu plan de modernización de infraestruturas e mellora da seguridade viaria nas súas parroquias coa adxudicación de dous proxectos de pavimentación para camiños públicos. Trátase das obras de mellora estrutural do Camiño Outiz de Abaixo (no Barrio Portela) e do acondicionamento dos viais Eido da Andrea, Panquente e Fonte do Rial (en Cesantes). O investimento total conxunto supera os 110.800 euros.

Segundo explicou a alcaldesa, Digna Rivas, trátase de viais moi transitados nos que o firme presentaba un avanzado estado de deterioración, polo que “estas intervencións non son só unha mellora estética, senón unha necesidade urxente para garantir a seguridade viaria e solucionar os problemas de canalización de augas que afectaban directamente ás vivendas e leiras da contorna”. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, subliñou a transcendencia destas actuacións para o benestar diario dos residentes, destacando que con estes traballos “dáse resposta a demandas veciñais que dende hai moitos anos estaban a agardar por unha solución definitiva”.

O proxecto do Camiño Outiz de Abaixo, cun orzamento de 51.484,27 euros, esténdese sobre unha lonxitude de 206 metros. Inclúe unha mellora viaria coa ampliación do camiño pola marxe esquerda tras pasar o túnel da vía do tren. Na marxe dereita pavimentarase unha explanada como zona de agarda para facilitar o cruzamento de vehículos. Farase unha nova soleira de formigón e instalarase unha canalización e reixas para evitar asolagamentos na época de chuvias. En paralelo, o Concello adxudicou a intervención nos camiños Eido da Andrea, Panquente e Fonte do Rial por un importe de 59.371,25 euros. Neste caso, os traballos mellorarán un trazado de 606 metros. Contarán cunha nova capa de rodadura de asfalto e previamente fresarase o acceso ás fincas para evitar que a auga entre nas propiedades privadas. Executarase unha rede de recollida de pluviais ao longo das marxes de Eido da Andrea e Panquente. Na entrada do camiño Fonte do Rial demolerase a acera actual e construirase unha nova cunha soleira de formigón armado.

Estas obras están incluídas no Plan de Investimentos dos Camiños Municipais, que inclúe 72 vías de todas as parroquias cun orzamento total de 2,7 millóns de fondos propios.

Camiño Outiz de Abaixo, na Portela.
Camiño Fonte do Rial, Cesantes.
Camiño Panquente, Cesantes.

– As actuacións, que xa están contratadas, centraranse no Camiño do Casal e na Estrada da Quintana. Os proxectos inclúen a renovación integral do firme e a mellora das redes de recollida de augas pluviais. A superficie total de pavimento que se renovará entre os dous camiños suma 5.672 metros cadrados.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo inicio inminente destes traballos e suliñou que “estas obras no rural son unha prioridade absoluta para este Goberno co fin de equiparar as condicións de vida, mobilidade e servizos de todas as parroquias”.

Redondela, 25 de agosto de 2026. O Concello de Redondela segue a impulsar a renovación e modernización dos viarios públicos no rural coa adxudicación das obras de pavimentación e mellora de servizos en dous camiños da parroquia de Reboreda: o Camiño do Casal e a Estrada da Quintana. O investimento total destas melloras ascende a 185.864,55 euros.

A actuación de maior orzamento executarase no Camiño do Casal, no barrio de Asnelle de Abaixo, cun custo de 143.756 euros. Pola súa banda, a intervención na Estrada da Quintana conta cunha partida adxudicada de 42.108 euros. Ambas as dúas obras buscan corrixir os danos estruturais derivados do uso e do clima, incrementando notablemente a seguridade de peóns e condutores. Ambas obras realizaranse con cargo ás arcas municipais dentro do plan de investimento nas parroquias que conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo inicio inminente destes traballos e suliñou que “estas obras no rural son unha prioridade absoluta para este Goberno co fin de equiparar as condicións de vida, mobilidade e servizos de todas as parroquias”. A rexedora local fixo fincapé en que “manter os camiños interiores en condicións óptimas de seguridade e accesibilidade é fundamental para fixar poboación e garantir o benestar diario da veciñanza”.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explicou os detalles técnicos das intervencións, destacando que non se trata de simples parches no firme. “No Camiño do Casal actuaremos sobre unha lonxitude de 660 metros, incluíndo unha nova rede de recollida de augas pluviais de 420 metros e a ampliación do viario nun treito en curva grazas á construción de muros de contención de granito“, sinalou Villar. O proxecto deste camiño vai renovar 3.672 metros cadrados de superficie.

Respecto á Estrada da Quintana, Villar detallou que os traballos “afectarán a un tramo de 400 metros de lonxitude, dende o número 102 ata o encontro co Camiño Poza do Monico”. Alí estenderase unha nova capa de rodaxe. Tamén se tapará a cuneta existente con tubaxe de PVC e instalaranse novos treitos de drenaxe.

Ambos os responsables municipais lembraron que un firme seguro e un sistema de drenaxe eficiente evitan o deterioro acelerado dos viarios públicos e prevén asolagamentos nas propiedades lindeiras. Os traballos en Reboreda coordinaranse para minimizar, na medida do posible, as molestias no tráfico da parroquia durante o tempo que estean en marcha.

Urbanismo

Planificación e Desenvolvemento Urbano

De interese

TRÁMITES

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

ORDENANZAS E REGULAMENTOS

PXOM

Compartir

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

SIOTUGA