O Concelleiro de Emprego e Medio Ambiente, Alberto Álvarez, supervisa os traballos no paseo do Pexegueiro.
– Os alumnos-traballadores de carpintaría e xardinería actúan en paseos, rotondas, espazos culturais e xacementos arqueolóxicos en diferentes parroquias. Entre as accións destacan a renovación de mobiliario no río Pexegueiro e a Telleira, a nova tarima do auditorio da Xunqueira e unha horta ecolóxica solidaria.
– Con estas actuacións o Concello logra un dobre obxectivo: os espazos urbanos e naturais lucen renovados para o beneficio directo da veciñanza, mentres o alumnado adquire unha experiencia práctica en escenarios reais de traballo.
O Concello de Redondela avanza na mellora dos seus espazos públicos grazas ao traballo dos participantes do Obradoiro de Emprego ‘Redondela Natureza’. Este programa non só ofrece formación estratéxica, senón que funciona como un motor de renovación urbana e ambiental. Os alumnos-traballadores executan obras de utilidade pública tanto no centro urbano como nas diferentes parroquias.
Carpintaría: renovación de mobiliario e infraestruturas.
O módulo de carpintaría centra as intervencións na mellora do equipamento público. Esta semana comezaron os traballos de acondicionamento no paseo do río Pexegueiro e no que bordea o Monte da Telleira. Primeiro realízase a limpeza das varandas, para posteriormente proceder á súa restauración e á fabricación de novo mobiliario público con bancos, papeleiras e paneis informativos. Outra das tarefas na que traballan actualmente é na instalación de nova tarima no escenario do auditorio da Xunqueira. O plan de traballo inclúe tamén a fabricación e instalación dun portón de madeira na emblemática torre de Pousadouro.

Forestal e Xardinería: posta en valor do contorno natural.
Os participantes da especialidade forestal e de xardinería realizan a limpeza na contorna dos xacementos arqueolóxicos de Monte Penide/Mirallo, ademais de actuacións na Coutada (Quintela) e Veiga da Moucheira (Reboreda). Tamén se encargarán do coidado e embelecemento das rotondas de acceso na N-552 (Cedeira e Rande), na EN555 (Vilar), na PO250 (Reboreda), en Vilavella e en Ernestina Otero.

Un proxecto solidario e sostible en Pousadouro.
A actividade de ‘Redondela Natureza’ inclúe tamén unha vertente social directa. O alumnado xestiona unha explotación de agricultura ecolóxica na horta de Pousadouro, cuxos produtos vexetais se destinan integramente a doazóns para a ONGs locais. Así mesmo, o viveiro de Pousadouro produce plantas hortícolas, forestais e ornamentais que o propio Concello empregará de xeito autónomo no mantemento futuro das súas áreas verdes.

Con este conxunto de actuacións, o Goberno local de Redondela logra un dobre obxectivo: os espazos urbanos, naturais e patrimoniais lucen renovados e mellorados para o beneficio directo da veciñanza, mentres o alumnado adquire unha experiencia práctica directa en escenarios reais de traballo.

Novo obradoiro de Albanelería e Pintura “Talento Mozo de Redondela”.
O novo obradoiro de emprego comezará en setembro e o alumnado formarase nas especialidades de Pintura e Albanelería, dous sectores con gran demanda de profesionais. Para formar parte do proceso de selección, a mocidade interesada debe ter cumpridos os 18 anos e non superar os 30. É imprescindible estar inscrito como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia (SEPE) e no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia.