Skip to main content

Concello de Redondela

Redondela celebra o 27º Entroido de Verán ao ritmo de Ráfaga e Monolius Dop

Digna Rivas e Rita Pérez presentaron o cartel deste Entroido co DJ redondelán Rodri Vegas

– A mítica banda arxentina Ráfaga porá o ritmo da noite xunto ao talento galego de Monoulious Dop e as sesións de DJ de Olalla Gonzalezz, Borja Rua, Kike Varela e Rodri Vegas que se prolongarán ata a madrugada .
– A programación infantil incluirá inchables con auga, espectáculos, xincana e festa da escuma. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destaca que a intención do Concello redondelán é ofrecer unha programación ampla e variada para todos os públicos “por iso os nenos e nenas teñen os seus propios espazos con actividades específicas”.

O Concello de Redondela desvelou a programación detallada para a vixésimo sétima edición do seu aclamado Entroido de Verán, que se celebrará o sábado 22 de agosto. O Goberno local deseñou unha xornada que combina propostas para o público infantil e familiar durante a tarde con potentes actuacións musicais de gran formato que se prolongarán ata a madrugada. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que a intención do Concello redondelán é ofrecer unha programación “que teña en conta tanto ao público infantil e familiar como á mocidade e público adulto, por iso os nenos e nenas teñen o seu propio espazo con actividades específicas e actuacións pensadas para eles”. Desde as concellarías de Turismo e Cultura, que dirixe Rita Pérez Táboas, faise unha aposta polos grupos locais e galegos.

Animación infantil dende as 18:00 horas

Os máis cativos serán os encargados de abrir a festa a partir das 18:00 horas. A programación familiar distribuirase en varios puntos da vila: a Praza de Ponteareas acollerá unha xincana con inchables, a Pista da Xunqueira contará con inchables con auga e, máis tarde, ás 21:00 horas, a tradicional Festa da Escuma. A maiores, a Praza da Torre sumará o espectáculo musical A bailar, da compañía Animar-T, programado para as 19:30 horas.

Gran despregue musical no Campo da Feira

O epicentro da música nocturna estará situado no Campo da Feira. O ambiente quentará motores de 20:00 a 21:30 horas coas sesións de DJ de Olalla Gonzalezz e Borja Rua. De seguido, ás 21:30 horas, dará comezo a Gala Drag e, ao remate, a música en directo collerá o relevo co concerto dos galegos Monoulious DOP (de 23:00 a 0:30 horas) e a grande actuación internacional do grupo arxentino Ráfaga, que fará bailar ao público cos seus éxitos de cumbia dende as 0:30 ata as 2:15 horas da madrugada. O peche oficial da xornada correrá a cargo dos DJs Kike Varela e Rodri Vegas, cunha sesión final prevista ata as 4:00 horas.

Seguridade, sostibilidade e transporte reforzado

Co fin de garantir o correcto desenvolvemento do evento, o Concello informou de que queda estritamente prohibido acceder con recipientes de cristal aos espazos oficiais onde se desenvolven as actividades. Tamén se habilitará un Punto Violeta e Arcoiris na contorna e lémbrase que todo o recinto estará protexido como un espazo libre de violencia machista, co teléfono 112 dispoñible para calquera emerxencia.

Para facilitar unha mobilidade segura e evitar o uso do coche privado, a empresa de transporte poñen en marcha un servizo especial de autobuses de ida e volta que conectarán Redondela con Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde os diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta até as 06.00 horas.

Dende o Concello de Redondela faise un chamamento á veciñanza e aos miles de visitantes que se agardan ese día para desfrutar da xornada cun espírito retranqueiro, orixinalidade nos disfraces e, por riba de todo, respecto e moderación.

Compartir