– O xestor ferroviario acepta a petición da alcaldesa e substituirá os pretiles de formigón por uns metálicos máis estreitos. Digna Rivas amosa a súa satisfacción por este cambio que permite ampliar a calzada de 4 a 6 metros e dar resposta ás demandas veciñais.
– A modificación na estrutura supón “un acto de xustiza para o barrio” e garante que a veciñanza vai ter un paso “que realmente cumpre coas súas necesidades do día a día”, afirma a alcaldesa. O ancho da calzada amplíase desde os 4 ata os 6 metros, permitindo un tránsito fluído de vehículos e peóns.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) aceptou os cambios propostos polo Concello para mellorar a circulación de vehículos e peóns no paso elevado da Portela. O xestor ferroviario confirmou oficialmente á alcaldesa a viabilidade técnica para ampliar o paso superior do camiño A Portela ata os 6 metros de ancho. Esta decisión responde ao escrito remitido desde o Concello a Adif no que se solicitaba unha mellora sobre o proxecto aprobado en decembro de 2023.
A alcaldesa amosou a súa satisfacción por este logro. “Conseguimos que Adif atendese as demandas dos veciños e veciñas”, declarou a rexedora. Rivas fixo fincapé en que este cambio estrutural supón “un acto de xustiza para o barrio”. A modificación do proxecto garante que a veciñanza da Portela teña un paso “que realmente cumpre coas súas necesidades do día a día e que os veciños merecen, logo de soportar durante meses unhas obras que lles causaron moitas molestias”, recalcou. A alcaldesa informou á veciñanza da Portela dos cambios no proxecto tan pronto chegou ao Concello a documentación oficial”. Rivas agradeceu tamén a Adif a súa disposición técnica para escoitar as demandas do Concello e dos veciños. “Demostrase que, cando se fan peticións con argumentos e pensando no ben común, as cousas saen adiante”.
Detalles técnicos do novo proxecto
O proxecto inicial de Adif contemplaba un ancho de calzada de 4 metros protexido por pretiles de formigón. Tras estudar a petición municipal o equipo técnico de Adif determinou que é viable reubicar os elementos na calzada, malia estar xa a obra avanzada. Para logralo, substituirán os bloques de formigón por pretiles metálicos máis estreitos, o que permite gañar 2 metros. Con este cambio, o paso superior amplíase a sección ata os 6 metros, cunha calzada compartida para tráfico rodado e peonil, sen beirarrúas elevadas. O resultado adáptase ao deseño do camiño antes e despois da ponte. Adif informou tamén que a instalación da valla antivandálica manterase de forma obrigatoria por estrita normativa de seguridade ferroviaria.
As obras atópanse actualmente en execución dentro do proxecto de renovación integral da liña Monforte de Lemos – Bifurcación Chapela.

