Concello de Redondela

As Bibliotecas Municipais de Redondela propoñen un novo RETO LECTOR para o 2026

As Bibliotecas Municipais de Redondela presentamos o novo Reto Lector 2026.

Unha proposta suxestiva, estimulante e lúdica de facer percorridos lectores ao longo do ano. Consta de 9 lecturas a completar, que se poderán desenvolver dende o luns 2 de febreiro e ata acabar 2026.

9 desafíos lectores que van desde ubicacións xeográficas, pasando por etnoloxía, xéneros literarios, paisaxes, contidos ou improntas emocionais. Un enredo no que gozaredes de ler libros diferentes, e para o que podedes contar, coma non, coas suxestións do persoal das vosas bibliotecas.

Podedes compartir a vosa participación nas Redes Sociais, co cancelo #RetoLector2026BibliotecasRedondela

  • REQUISITOS:

– Para lectores e lectoras ADULTOS (a partir dos 14 anos).

– Contaranse para o reto só os libros prestados nas Bibliotecas Municipais de Redondela.

– As persoas participantes levarán o seu PASAPORTE lector.

– Con cada devolución do libro prestado, selarase cada unha das casiñas do pasaporte. Podedes facelo tanto na Biblioteca de Redondela como na de Chapela.

– Podedes facer o reto seguindo orde que prefirades. Do que se trata é de completar as 9 propostas.

– O tempo para realizalo será desde o luns 2 de febreiro e ata o 31 de decembro.

 

  • SORTEO:

– As persoas que completen os 9 retos participarán nun sorteo dunha cesta de libros, que se celebrará nas primeiras semanas de 2027.
– Faranse dous sorteos, un para cada biblioteca:

  • Biblioteca Valle-Inclán de Redondela.
  • Biblioteca Xela Arias de Chapela.

– Para os premios, contaremos coa colaboración inestimable da Fundación Filomena Rivero Alonso.

Compartir