– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o proxecto busca converter este edificio histórico nun espazo senlleiro para a Biblioteca Municipal que combine rehabilitación e modernidade. “Confiamos en que a singularidade deste proxecto atraerá propostas de excelencia que poñan en valor o patrimonio de Redondela”, afirma Rivas.
– O certame, que contará cun xurado profesional, contempla premios por valor de 20.000 euros e un investimento previsto en obra de máis de 2,5 millóns de euros. O Colexio de Arquitectos agarda unha alta participación no concurso con proxectos de gran calidade para este emblemático edificio.
O Concello de Redondela avanza na creación dunha nova Biblioteca Municipal en Villa Elisa. A alcaldesa, Digna Rivas, xunto co decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano González, e o presidente da delegación de Vigo do COAG, Manuel Martínez, formalizaron hoxe o convenio de colaboración que regulará un concurso de proxectos para a rehabilitación e ampliación deste inmoble histórico. O obxectivo deste acordo é garantir “a máxima calidade arquitectónica” nunha intervención que o Goberno local cualifica de “emblemática”. Rivas subliñou que “Villa Elisa non só será unha biblioteca, senón un símbolo da Redondela do futuro, onde o respecto polo noso patrimonio conviva coas necesidades culturais e sociais do século XXI”. Dende o COAG agardan unha alta participación no concurso “con propostas de gran nivel arquitectónico para un espazo tan emblemático como Villa Elisa”.
Concurso en dúas fases e con premios profesionais. Grazas ao asesoramento técnico do COAG, o concurso realizarase en dúas etapas: unha primeira fase de ideas e unha segunda de anteproxectos. O Concello establece unha contía total de 20.000 euros en premios, distribuídos en catro recoñecementos de 5.000 euros cada un. O gañador, ademais, será o adxudicatario do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección da obra. O orzamento estimado para realizar a rehabilitación de Villa Elisa supera os 2,5 millóns de euros. A intervención dividirase en dúas partes: a rehabilitación da edificación existente e a construción dunha nova zona de ampliación que se integrará na parcela, situada estratexicamente no centro urbano.
Xurado especializado e prazos. O xurado estará presidido pola alcaldesa e composto maioritariamente por expertos independentes, incluíndo arquitectos municipais, do COAG e de Patrimonio da Xunta de Galicia, garantindo así a imparcialidade e a excelencia técnica. Unha vez asinado este convenio, o Concello publicará os pregos para que os profesionais poidan presentar as súas propostas.
A alcaldesa sinala que este proxecto “reafirma o compromiso do Concello de Redondela coa recuperación do seu patrimonio inmobiliario para o uso e desfrute de toda a veciñanza”.
