Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Concello outorga a Carla Rivas o recoñecemento “Orgullo redondelán”

O Concello de Redondela acolleu onte a recepción á xogadora de balonmán Carla Rivas Garrido. A deportista, que milita nas filas no Sporting La Rioja, conseguiu esta temporada co seu club o ascenso á máxima categoría do balonmán estatal. Xogadora da SAR nas categorías inferiores, pasou polo BM Porriño, co que tamén acadara o ascenso á División de Honra Feminina. A próxima será a súa oitava temporada en Logroño. Aproveitando os escasos días de vacacións dos que dispón a deportista na súa terra natal, este mediodía celebrouse este acto de homenaxe.

A xogadora, de 32 anos, recibiu o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, como “recoñecemento e homenaxe” polo seu traballo e méritos deportivos. Para a alcaldesa é “un luxo” que este municipio conte con mulleres deportistas “no máis alto nivel do balonmán nacional” e desexoulle a Carla “toda a sorte para a próxima temporada”.

Rivas Garrido amosouse “moi contenta” por este recoñecemento por parte do Concello de Redondela, porque “é moi bonito ver que tamén se acordan dos deportistas que estamos fóra, xa que é duro estar tan lonxe da casa e da familia”. Afirmou tamén estar “moi orgullosa” de levar o nome de Redondela polos pavillóns de toda España e lembrou que o seu alcume deportivo “Choco”, fai referencia precisamente ás súas orixes redondelás. No plano deportivo confía en que, unha vez acadado o obxectivo do ascenso, o Sporting La Rioja poidan consolidarse na categoría da “Liga Guerreras” a próxima temporada. Recoñece que será complicado “polo alto nivel da competición” pero sinala que “con traballo e sacrificio todo é posible”.

Compartir