Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Entroido de Verán, espazo libre de violencias machistas

– A campaña “Espazo libre de violencias machistas” en colaboración cos locais de ocio nocturno ten continuidade ao longo de todo o ano. O seu obxectivo é facilitar ferramentas e protocolos de actuación ante posibles casos de agresións machistas e sensibilizar a toda a cidadanía e aos axentes implicados.

– No Entroido de Verán que se celebra o sábado haberá Puntos Violeta e Arco da Vella que desenvolven unha importante labor “non só na atención a posibles vítimas de agresións sexistas, senón tamén para sensibilizar á mocidade sobre a importancia da igualdade e o respecto” explica a concelleira Iria Vilaboa.

– A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que o Entroido de Verán de Redondela foi desde sempre “un espazo de diversión e expresión libre e queremos que todos e todas poidan gozar en igualdade de condicións”.

O Concello de Redondela presentou a campaña “Espazo libre de violencias machistas” para o Entroido de Verán en colaboración cos hostaleiros dos locais de ocio nocturno. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, reuníronse esta mañá cos empresarios para achegarlles os protocolos de actuación e os carteis informativos. Rivas, agradeceu “a boa acollida que ten esta campaña entre os locais de hostalaría e lecer nocturno, xa que todos os establecementos da vila súmanse a esta iniciativa e colaboran”. Os hostaleiros comprométense a prestar axuda a posibles vítimas de agresións machistas, ofrecerlles un lugar seguro e contactar cos servizos de emerxencias en caso necesario. Tanto nas barras do propio recinto como no resto de locais de Redondela estará exposta a información de “Espazo libre de violencia machista” co teléfono de atención 112. A iniciativa púxose en marcha o verán pasado “e ten continuidade ao longo de todo o ano nos espazos de lecer do Concello de Redondela”, sinala Vilaboa. O seu obxectivo é facilitar aos establecementos ferramentas e protocolos de actuación ante posibles casos de agresións machistas, así como sensibilizar a toda a cidadanía e aos axentes implicados. Ao longo do ano realizáronse tamén cursos de formación para os traballadores dos locais de ocio. No caso do Entroido de Verán que se celebra este sábado, e ante a presenza masiva de público, haberá unha campaña especial na que colaboran todos os locais de ocio nocturno e tamén os hostaleiros que instalan barras nas rúas e no recinto da festa. Haberá un Punto Violeta e Arco da Vella no Hospital de Campaña instalado na Praza do Concello e un Punto Itinerante con Axentes de Igualdade percorrendo os espazos da festa. Estarán operativos durante todo o tempo que duren as actividades do Entroido.

Campaña de sensibilización

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que a campaña non vai dirixida só as posibles vítimas senón tamén a toda a sociedade, “xa que calquera persoa que presencie comportamentos machistas, agresións, insultos sexistas ou tocamentos non consentidos pode dar a voz de alarma”. Rivas lembra que o Entroido de Verán de Redondela “foi desde sempre un espazo de diversión e expresión libre e queremos que todos e todas poidan gozar en igualdade de condicións”.

Compartir