O vindeiro xoves 18 de xullo, ás 19:30 h. teremos na fachada principal do Concello de Redondela unha sesión de cinema ao aire libre, de carácter solidario.
A ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais o Concello de Redondela desenvolverán a actividade de sensibilización social: Cine e cooperación. Unha ventá ao mundo.
Unha actividade onde se proxectarán varias curtametraxes vencelladas ao proxecto de cooperación que Solidariedade Internacional de Galicia está a desenvolver en Guatemala, co financiamento do Fondo Galego. Ao rematar as proxeccións haberá tempo de comentar e debater sobre diferentes aspectos relacionados co proxecto e mais coas curtametraxes: soberanía alimentaria, seguridade e hixiene alimentarias ou o dereito a unha vivenda digna, en relación cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.