Este martes a Biblioteca Xela Arias de Chapela fixo a súa pequena festa de Nadal cos máis cativos e mais as súas familias.
- PODEDES VER ALGUNHAS FOTOS DA ACTIVIDADE NESTE ENLACE.
Unha pequena celebración de Nadal que foi todo un éxito e que lle temos que agradecer a Lía.
Lía é unha nena de 10 usuaria da biblioteca dende moi cativa, voraz lectora e namorada dos contos e da fantasía. Como contadora promete moitísimo e pensamos que vai ter un gran futuro 🥰
A nosa contadora voluntaria achegou a nenos e grandes o seu conto preferido: «O crebanoces», unha historia chea de música e que nos achega ao Nadal máis fantasioso.
Tamén contamos «O soldadiño de chumbo», un conto clásico do noso imprescindible Hans Christian Andersen, onde os xoguetes son os protagonistas das aventuras.
Un encontro coa fantasía de Nadal moi entrañable, que foi adozado por galletas con forma de crebanoces, agasallo de Lía mais María, a súa mamá.
Ao rematar os contos fixemos un traballo manual, construíndo o noso crebanoces articulado para levar á casa. A rapazada e mais os adultos acompañantes traballaron arreo!
Queremos darlle as grazas aos nosos usuarios e usuarias por darlle vida á nosa biblioteca.
- A actividade anunciada no Faro de Vigo.