Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Preocupación polo incremento dos actos vandálicos nos espazos públicos

– Nos últimos meses incrementáronse os ataques ao mobiliario urbano e espazos públicos con numerosas roturas de xogos nos parques infantís, roubos de plantas, sinais de tráfico rotas e numerosas pintadas, entre outras desfeitas.

– Desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade e a colaboración cidadá “para denunciar calquera actividade sospeitosa e protexer entre todos o patrimonio común”. “A cooperación de toda a cidadanía é fundamental para preservar e coidar os espazos públicos que tanto esforzo e recursos demandan”.

O Concello de Redondela amosa a súa profunda preocupación polo incremento dos actos vandálicos en diferentes espazos públicos do municipio. Nos últimos meses téñense incrementado de maneira notable as accións incívicas como roturas de xogos nos parques infantís, roubos de plantas e roturas nas xardineiras das rúas, sinais de tráfico rotas no paseo da Xunqueira e numerosas pintadas, entre outras desfeitas. Os espazos deportivos tampouco se libran dos actos vandálicos, como a rotura a pedradas do cristal dunha das pistas de pádel ou o baleirado de varios extintores pola pista e os corredores do pavillón municipal da Marisma.

Desde o goberno local lamentan que este tipo de actos vandálicos se estean a producir de xeito recorrente “xa que estas reparacións supoñen un gasto importante para as arcas municipais”. No caso dos elementos rotos nos parques infantís e nos espazos deportivos, estes actos supoñen ademais “un prexuízo para os nenos e nenas que se ven privados destes xogos e para a veciñanza que non pode utilizar as instalacións deportivas municipais”.

Chamamento á colaboración cidadá

Desde o goberno local de Redondela sinalan que estes ataques “xeran unha imaxe negativa do municipio” e advirten que os investimentos que se realizan con fondos públicos para mellorar os diferentes espazos caen en saco roto por este tipo de accións incívicas. Respecto diso, desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade e a colaboración cidadá “para denunciar calquera actividade sospeitosa e protexer entre todos o patrimonio común. A cooperación de todos é fundamental para preservar e coidar os espazos públicos que tanto esforzo e recursos demandan”.

Ataque aos murais LGTBIQ+ de Chapela

Os atentados máis recentes producíronse esta mesma semana na senda verde, con pintadas sobre os murais artísticos da antiga estación de tren de Chapela. Os murais, promovidos polo Concello desde 2022, son obra da artista redondelá Paula Amoedo e o grupo “Axentes do cambio”. Estes deseños teñen por obxectivo dar visibilidade a este colectivo e amosar “que a sociedade redondelá é diversa, tolerante e defende a igualdade de todas as persoas”. Para a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, é “intolerable” que haxa quen vandalice estes murais, cunhas ás que apareceron pintadas de negro e un puño coas cores do arco da vella que cubriron por riba de vermello e amarelo.

Compartir