Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello fai un balance positivo do proxecto “Mariscando ConCiencias para o futuro”

Unha das reunións do equipo de traballo co concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez.

– A alianza entre o marisqueo a pé, a investigación científica internacional e a creación artística consolídase como un referente de cooperación para a sector do mar. O Concello difunde os importantes avances remitidos pola coordinación do proxecto, que está a deseñar unha narrativa sostible para a Enseada de San Simón de cara ao ano 2040. As próximas actividades realizaranse en outono.

O Concello de Redondela, que colabora no proxecto “Mariscando conCiencias para o Futuro”, fai un balance “moi positivo” desta da iniciativa coordinada por Cidadanía S. Coop. Galega e da que participa tamén a Universidade de Vigo, AMARTURMAR e Artelixo. Logo duns meses de intenso intenso traballo “consolidáronse alianzas para imaxinar un horizonte de sostibilidade e progreso para a Enseada de San Simón nas vindeiras décadas”. Ao longo deste período, o proxecto acadou un notable éxito de participación cunha xornada internacional sobre a pesca artesanal no mundo, analizando con detalle os modelos profesionais de México e Xapón.

Colaboración entre mariscadoras e científicas

O proxecto consolidouse como un espazo de referencia para a transferencia de coñecemento grazas á implicación activa de investigadoras de prestixio do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo e do grupo Mar Social do CSIC. As expertas compartiron os resultados dos seus estudos sobre sostibilidade e os mecanismos de adaptación do sector pesqueiro fronte ao cambio climático, ofrecendo ideas replicables moi valiosas para o contexto local. Un dos maiores logros destas xornadas foi “a perfecta sintonía e colaboración creada entre o colectivo de mariscadoras a pé de Redondela e o ámbito das ciencias mariñas”. A organización cualifica estes resultados como “altamente satisfactorios” e anuncian que a súa presentación detallada terá lugar xusto á volta do verán.

Arte e danza para un litoral sostible

No eido cultural, o balance tamén avanza a moi bo ritmo. A organización compartiu as primeiras imaxes do proceso de creación dunha peza de danza vinculada ao proxecto, unha proposta artística cargada de ilusión que continúa en construción e que se presentará oficialmente o vindeiro mes de outubro.

Desde o Concello de Redondela lémbrase que “Mariscando conCiencias para o Futuro” é posible grazas ao financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, a través da súa liña “Arte Cidadá: compoñendo saberes para imaxinar e construír futuros sostibles”. O goberno municipal reitera os seus parabéns á organización polos magníficos resultados e reafirma o seu compromiso total para seguir apoiando esta iniciativa estratéxica de cara ao vindeiro outono.

Compartir