Skip to main content

Concello de Redondela

Redondela recolle máis de 22.000 tapóns no primeiro ano do proxecto “Re-CORTIZA”

O concelleiro Alberto Álvarez e a educadora Débora González con usuarios de Lenda que participan no programa.

– A campaña pioneira da concellería de Medio Ambiente, Lenda e Amorim Cork reúne preto de 100 quilos de tapóns de cortiza grazas á implicación da hostalaría local. Desde o Concello faise un chamamento á cidadanía e aos negocios para seguir sumando apoios.

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Medio Ambiente, fai un balance moi positivo do primeiro ano de funcionamento de ‘Re-CORTIZA’, a campaña pioneira en Galicia para a recollida e reciclaxe de tapóns de cortiza. Desde a asociación Lenda, que recolle e clasifica as rollas das botellas, sinalan que reuniron xa preto de 100 quilos de cortiza, o que equivale a máis de 22.000 tapóns retirados do lixo común. Este proxecto pecha así seu primeiro ano cun dobre balance positivo: o beneficio social, co protagonismo da asociación redondelá Lenda, e o proveito ambiental.

Terapia ocupacional e inclusión da asociación Lenda

O proxecto converteuse nunha ferramenta de integración e visibilidade para as persoas usuarias do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da asociación de saúde mental Lenda. Elas so as encargadas de recoller de xeito periódico os tapóns de cortiza nos bares e restaurantes adheridos para logo clasificalos e almacenalos. Esta tarefa proporciónalles unha rutina laboral, fomenta o traballo en equipo e mellora a súa autonomía. Ademais, en virtude do acordo acadado con empresa Amorim Cork, a empresa remunerará economicamente a Lenda polos quilos de cortiza entregados, un retorno económico directo que se investirá en mellorar os programas sociais e terapéuticos da entidade redondelá.

Economía circular e redución de residuos

No aspecto medioambiental, ‘Re-CORTIZA’ cumpriu o obxectivo de evitar que este volume de residuos rematase nos vertedoiros, transformándoo nun recurso de gran valor. A implicación dos hostaleiros de Redondela permitiu canalizar a cortiza cara á economía circular. Agora, grazas á empresa Amorim Cork, este material natural terá unha segunda vida útil en sectores punteiros da construción como illamento e revestimento, para a fabricación de compoñentes aeronáuticos, material deportivo ou artesanía.

Chamamento á hostalaría e veciñanza

O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, amosouse moi satisfeito con este dobre impacto: “Cando iniciamos ‘Re-CORTIZA’ fixemos un chamamento á hostalaría porque é onde máis se xera este residuo. Os datos constatan que a resposta foi moi positiva. O proxecto permite reducir residuos e, o máis importante, ofrece unha alternativa ocupacional e terapéutica de calidade no día a día ás persoas de Lenda”. Tras este primeiro ano, o Concello de Redondela quere consolidar o proxecto, polo que fai un chamamento a toda a cidadanía e, de xeito moi especial, aos establecementos de hostalaría que aínda non participan para que se sumen a este proxecto de economía circular. O obxectivo é seguir medrando e estendendo esta rede sostible por todo o municipio.

Para os locais comerciais o proceso é totalmente de balde e moi sinxelo, tan só teñen que contactar co Concello de Redondela ou directamente coa Asociación Lenda. O persoal do proxecto achegarase ao local para deixarlles un colector de cartón específico da campaña. Os hostaleiros só teñen que gardar aí os tapóns de cortiza das botellas. Cando o colector estea cheo, as persoas de Lenda pasarán de xeito periódico a recollelo e baleiralo.

Dende o Goberno local animan tamén á veciñanza a colaborar a nivel particular depositando as rollas de cortiza nos colectores que poden atopar en diferentes edificios municipais como a Casa do Concello, os Multiúsos da Xunqueira e Piñeiral do Crego e as Prazas de Abastos de Redondela e Chapela.

Compartir