– A actuación presentouse aos fondos provinciais do programa Vía Depo e amplía as melloras planificadas inicialmente. O novo deseño técnico inclúe a construción de muros de contención en ambas as dúas marxes e o rebaixe do talude, o que amplía a calzada e garante unha seguridade total. O orzamento ascende a 146.372 euros.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o esforzo do Goberno local por perfeccionar o deseño antes de remitilo á administración provincial. “Non nos limitamos a poñer un parche onde caeu a terra, dende o Concello traballamos para mellorar o plan inicial co obxectivo de ofrecer unha solución definitiva e integral á veciñanza”, sinala Rivas.
O Concello de Redondela pon en marcha do proxecto de reparación urxente e mellora estrutural do camiño da Milixosa, na parroquia de Cabeiro. O Goberno municipal presentou formalmente esta actuación ante a Deputación de Pontevedra para o seu financiamento a través do programa Vía Depo, cun orzamento total de contrata que ascende a 146.372,49 euros. A novidade do proxecto definitivo radica na mellora técnica respecto ao plan inicial previsto. A proposta final non só contempla o levantamento do muro de contención na marxe dereita en sentido ascendente —zona que sufriu o colapso e desprendemento de terras por mor dos fortes temporais de choiva—, senón que estende as garantías de seguridade á marxe esquerda. Nesta outra banda da vía, os traballos incluirán o rebaixe do talude existente e a execución dunha nova barreira cun petril de pedra de granito de 50 centímetros de alto.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou o esforzo do Goberno local por perfeccionar o deseño antes de remitilo á administración provincial. “Non nos limitamos a poñer un parche onde caeu a terra; dende o Concello traballamos para mellorar o plan inicial co obxectivo de ofrecer unha solución definitiva e integral. Con esta ampliación que abarca ambas as dúas marxes do camiño Milixosa, os veciños de Cabeiro contarán cunha vía moito máis segura, robusta e adaptada ás necesidades da parroquia”, sinala a rexedora.
Unha actuación ambiciosa en ambas marxes
O Concello optimiza a axuda provincial cunha reforma integral nun tramo de 80 metros de lonxitude que quedara moi danado. Na marxe dereita, o muro de contención na base do talude acadará alturas variables de entre 1,50 e 5 metros, asentado sobre unha cimentación robusta de ata 4,50 metros de profundidade para evitar novos movementos de terra.
O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, incidiu nos detalles técnicos que xustifican a intervención na marxe esquerda: “As intensas choivas amosaron a vulnerabilidade de todo o contorno da vía. Coo rebaixe do talude esquerdo e o novo petril de pedra, estabilizamos o terreo fronte a futuros temporais e tamén ampliamos a calzada ata un ancho medio de 7,50 metros, optimizando a drenaxe e mellorando a seguridade na circulación de vehículos e peóns”.
