Concello de Redondela

O Teatro Comunitario estrea no Auditorio dúas propostas cargadas de crítica social

– As Aulas Municipais de Teatro presentan as pezas “Arde Woke” e “Búnker” os días 13 e 14 de xuño de 2026. As obras, protagonizadas por veciños e veciñas de entre 13 e 65 anos, abordan dende a comedia esperpéntica ata o drama distópico.

As Aulas Municipais de Teatro regresan aos escenarios para presentar os traballos de fin de curso dos seus grupos de teatro comunitario. A través de dúas pezas orixinais, o alumnado convida ao público a reflexionar sobre a actualidade, a cultura e a nosa propia supervivencia nunha cita que terá lugar esta fin de semana no Multiusos da Xunqueira. Estes dous espectáculos son o resultado dun ano de intenso traballo creativo, investigación e formación teatral. Un total de 19 persoas, con idades comprendidas entre os 13 e os 65 anos, dan vida a un proxecto máis aló do entretemento.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o valor desta iniciativa: “O teatro comunitario de Redondela demostra que a cultura é unha ferramenta viva de transformación e unión. Ver a veciños e veciñas de distintas xeracións compartindo un proxecto común pon de manifesto que o noso Concello aposta de xeito firme pola cohesión social, o talento local e o pensamento crítico dende a base”. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Rita Pérez, amosou o seu orgullo polo nivel das propostas deste curso: “As Aulas Municipais non só forman en artes escénicas, senón que constrúen espazos de liberdade para debater sobre a realidade que nos rodea. Estas obras vani sorprender e axitar conciencias, demostrando que en Redondela hai moito que dicir e moito talento para facelo”.

“Arde Woke” (Grupo de adultos). Datas: Sábado 13 de xuño ás 20:00 h e Domingo 14 de xuño ás 19:00 h. O grupo de adultos subirá ao escenario para representar unha comedia ácida e disparatada que se mergulla nas complexas augas das políticas de censura cultural. A proposta mestura elementos da obra mestra de Valle-Inclán, Luces de Bohemia, cunha mirada contemporánea e “esperpéntica” sobre o estado da creación artística hoxe en día.

“Búnker” (Grupo de adolescentes). Data: Domingo, 14 de xuño ás 12:30 h. O grupo de adolescentes presenta unha peza que fusiona a ciencia ficción co drama máis intenso. Esta obra plantexa un escenario distópico onde a supervivencia é o motor da acción, levando aos espectadores a preguntarse: que significa realmente “salvar a vida”? Nunha realidade onde a seguridade se converte en prisión, a obra analiza a relatividade da existencia.

A entrada é aberta ao público e o Concello de Redondela anima a toda a veciñanza a achegarse para apoiar o talento local. As propostas prometen non deixar a ninguén indiferente. As persoas interesadas deben retirar previamente a súa entrada no conserxería do Multiusos da Xunqueira.

Texto – 1

Compartir