Concello de Redondela

Preto de 400 estudantes participan no VI “Xadrez na Rúa” na Alameda Castelao

– A Alameda Castelao acolleu onte o VI Torneo Intercentros “Xadrez na Rúa”, unha iniciativa do Concello de Redondela que congregou a un total de 382 xogadores e xogadoras procedentes de 15 colexios e institutos. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que este torneo demostra que o xadrez é “unha ferramenta educativa excepcional para aprender estratexia, respecto e convivencia fóra das aulas”.

No acto, ademais da rexedora local, tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, que acompañaron aos escolares durante o desenvolvemento das partidas e a posterior entrega de premios. O torneo contou coa participación de centros de Redondela e concellos veciños: CEIP Quintela, CEIP Reboreda, CEIP Cedeira, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Porto Cabeiro, CEP Santa Mariña, CEIP Outeiro das Penas, Colexio Vigo, IES Mendiño, IES San Simón, IES Pedro Floriani, IES Chapela, IES Soutomaior, e os dous centros de Tui, o IES Indalecio Pérez Tizón e o IES San Paio.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo éxito de convocatoria desta sexta edición. “Ver a Alameda Castelao chea de mocidade compartindo unha xornada en torno ao xadrez é un orgullo para o noso municipio. Este torneo demostra que o xadrez é unha ferramenta educativa excepcional para aprender estratexia, respecto e convivencia fóra das aulas”, destacou a rexedora.

A xornada destacou polo alto nivel competitivo. Na categoría de Educación Primaria, o CEIP Outeiro das Penas fixo pleno ao copar o podio. O primeiro posto foi para Gorka Leirós, seguido de Daniel Ivanov en segunda posición e Romero Correa no terceiro lugar.

Na categoría de Educación Secundaria (ESO), o triunfo individual quedou en Redondela grazas a Andrés Ojea, do IES Mendiño, que se proclamou campión. O segundo e o terceiro posto viaxaron a Tui, correspondendo a Telmo Pazo e Martín Iglesias, ambos alumnos do IES Indalecio Pérez Tizón.

A organización subliñou que a participación neste torneo seguiu a tónica habitual deste deporte, cunha presenza maioritariamente masculina. Respecto a este feito, a alcaldesa incidiu no compromiso do goberno local por reverter esta situación: “Sabemos que a fenda de xénero no xadrez é unha realidade xeral. Por iso, iniciativas como o sorteo de libros Miradas de Campeonas buscan dar referentes ás nosas nenas, visibilizar o talento feminino na historia deste deporte e animalas a participar con forza e sen complexos”.

Compartir