– A alcaldesa, Digna Rivas, inaugurou esta tarde a cita cultural na Alameda Castelao acompañada polo conselleiro de Cultura, José López, a libreira Tania Lago, de Rosalía e Compañía, e a xornalista redondelá Carolina Sertal, pregoeira desta edición. O recinto feiral permanecerá aberto ata o domingo 14 de xuño.
– A feira contará con autores locais como o musicólogo Julio Alonso, o investigador Juan Migueles ou a divulgadora Sarah Roa, mirandesa afincada en Redondela. Durante a feira aplicarase un desconto do 10% en todas as compras e haberá unha ampla programación de teatro, obradoiros e concertos.
A Alameda Castelao de Redondela converteuse hoxe oficialmente na “porta a universos infinitos” coa inauguración da nova edición da Feira do Libro. O acto institucional, que tivo lugar ás 18:00 horas, deu o pistoletazo de saída a catro días de intensa actividade cultural que buscan encher a vila de literatura, música, obradoiros e artes escénicas ata o vindeiro domingo 14 de xuño.
A apertura oficial contou coa intervención da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quen estivo acompañada polo conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, José López, a libreira Tania Lago, en representación das nove casetas instaladas no recinto; e a xornalista redondelá Carolina Sertal, encargada de pronunciar o pregón inaugural.
Durante o seu discurso, a alcaldesa Digna Rivas reafirmou o “compromiso absoluto e estratéxico” do Goberno local co fomento da lectura, salientando que “ler fainos cidadáns máis libres, máis críticos e máis humanos”. Rivas quixo poñer en valor o papel crucial do comercio local e do sector editorial, agradecendo expresamente o esforzo e a resistencia das nove librarías participantes este ano: A Gata Tola, Boulevar Libraría Edicións, Cartabón, La Imprenta, Moliere, Pedreira, Porto, Rosalía e Compañía, e Uróboros. Todas elas ofrecerán un 10% de desconto en todos os seus exemplares durante estes catro días.
Unha edición con acento redondelán
A rexedora destacou que esta edición destaca polo seu “marcado acento local”, deseñado para visibilizar e potenciar o talento dos creadores e investigadores da propia vila. Entre os pratos fortes do programa oficial atópanse o encontro cultural do sábado 13 co autor Julio Alonso e a gaiteira Rebeca Carrera arredor da evolución da gaita e a muiñeira, así como a firma de exemplares de Juan Migueles, quen presentará na caseta da libraría Rosalía e Compañía o seu “Calendario histórico de Redondela”, unha obra que a alcaldesa cualificou como “imprescindible para repensar e coñecer o pasado e a identidade do noso municipio”. O domingo, a divulgadora mirandesa afincada en Redondela, Sarah Roa, estará na caseta de Rosalía e Compañía asinando o seu libro “TOCando las estrellas”.
Do mesmo xeito, Rivas amosou o orgullo da vila por contar como pregoeira coa xornalista local Carolina Sertal, a quen definiu como “o reflexo dunha mocidade profesional, brillante e cun firme compromiso coa palabra e coa comunicación”. Tras o pregón, as autoridades realizaron o tradicional paseo institucional polas casetas para saudar aos libreiros e compartir as primeiras impresións coas veciñas e veciños que xa se achegaban á Alameda.
Cultura para todos os públicos e horarios
A feira, impulsada pola Federación de Librarías de Galicia co apoio do Concello de Redondela, manterá as súas portas abertas en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A xornada de hoxe complétase co teatro familiar de Pedras de Cartón e a poesía de micro aberto de Branca Trigo. Nos vindeiros días, a carpa de actividades acollerá espectáculos infantís como Os Xogos do Paporrubio, obradoiros creativos con David Rodríguez Paz e Marc Taeger, e o concerto de Paco Nogueiras o domingo como broche de ouro. Desde o Concello de Redondela anímase a toda a veciñanza e visitantes a achegarse á Alameda para festexar as letras e gozar de todas as actividades, que son de acceso totalmente libre e de balde.


