– O instituto redondelán é o único centro público de todo o sur de Galicia en impartir este Ciclo Superior. O Concello de Redondela e o instituto animan ás persoas interesadas en formarse na rama Socio-sanitaria e de Servizos á Comunicade, a inscribirse neste curso, que foi moi ben valorada polo alumnado e profesorado na súa estrea. Esta titulación permite traballar en servizos dirixidos a persoas xordas, xordocegas, con discapacidade auditiva ou con dificultades de comunicación, linguaxe e fala.
– A lingua de signos é un dos eixes principais da formación. Coincidindo coa celebración do Día das Linguas de Signos Españolas este domingo, o alumnado convidou á alcaldesa, Digna Rivas, a visitalos no centro para coñecer de primeira man o seu traballo. Os técnicos en Mediación Comunicativa poden exercer a súa labor en ámbitos asistenciais, educativos, sociolaborais e psicosociais, así como en proxectos de dinamización comunitaria e promoción da igualdade de oportunidades.
O Concello de Redondela e o IES Chapela fan un chamamento conxunto ás persoas interesadas en formarse na rama socio-sanitaria para que se sumen á nova promoción do Ciclo Superior de Mediación Comunicativa. Este ciclo, que se implantou por primeira vez o pasado ano sendo o único centro público de todo o sur de Galicia en ofrecelo, pecha o seu primeiro exercicio cunha alta valoración por parte do propio alumnado e do profesorado, que destaca a utilidade e calidade das ensinanzas.
Ao rematar estes estudos, que son dous cursos, o alumnado obtén o título de Técnico superior en Mediación comunicativa. Esta titulación “permítelles traballar en servizos dirixidos a persoas xordas, xordocegas, con discapacidade auditiva ou con dificultades de comunicación, linguaxe e fala”, explican desde o instituto. Poden exercer a súa labor en ámbitos asistenciais, educativos, sociolaborais e psicosociais, así como en proxectos de dinamización comunitaria e promoción da igualdade de oportunidades.
A lingua de signos constitúe un dos eixes principais desta formación da rama de Servizos á Comunidade, que achega ademais todas as ferramentas precisas para deseñar procesos de comunicación accesibles e fluídos. Coincidindo coa celebración este domingo do Día Internacional da Lingua de Signos, o alumnado do ciclo convidou á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a visitalos no centro. Aproveitando esta data sinalada, a rexedora puido coñecer de primeira man os proxectos, o esforzo e o traballo diario que desenvolven os futuros profesionais da mediación, así como a importancia de visibilizar a comunidade xorda. Tras a súa visita, a alcaldesa amosou o seu orgullo polo camiño andado neste primeiro ano. Rivas animou ás persoas interesadas en formarse nesta área dos servizos sociais a coñecer e apostar por esta formación tan integradora.
O prazo oficial para presentar as solicitudes de admisión de FP para o novo curso estará aberto dende o 15 ata o 30 de xuño. O proceso debe realizarse de xeito telemático a través da aplicación oficial Ciclos Admisión da Xunta de Galicia.
