– Actuarase nunha superficie de máis de 2.500 metros cadrados. A pavimentación e mellora dos camiños beneficiará especialmente á contorna do campo de San Pedro, cunha mellor comunicación entre o torreiro da Igrexa e a praia, e ás familias usuarias da Escola Infantil San Pedro, así como a todas as persoas que se desprazan ao areal da parroquia.
– As obras consisten nunha renovación integral do Camiño da Vella e o Camiño da Ferreira, na parroquia de Cesantes, que incluirá a pavimentación e a mellora da drenaxe. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que estas actuacións “van corrixir o avanzado estado de deterioro destas dúas vías e mellorar así a mobilidade nun punto clave da parroquia”.
O Concello de Redondela porá en marcha as obras de renovación do Camiño da Vella e o Camiño da Ferreira, na parroquia de Cesantes, que inclúen o acondicionamento e pavimentación integral das dúas vías, así como a mellora da drenaxe para favorecer a evacuación da auga da chuvia. Actuarase nunha superficie de máis de 2.500 metros cadrados, sendo o camiño da Vella o que conta cunha maior superficie, uns 1.657 metros cadrados, e o camiño da Ferreira suma algo máis de 900 metros cadrados.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que estas actuacións teñen como finalidade “corrixir o avanzado estado de deterioración que presentan ambas as dúas vías debido ao uso continuo e á acción das choivas e mellorar así a mobilidade nun punto clave da parroquia”.
Os traballos técnicos centrarase en renovar por completo a capa de rodadura cun firme de aglomerado asfáltico en quente que melloraran totalmente estes accesos. O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, sinalou que as obras supoñen unha gran mellora na mobilidade na contorna do campo de San Pedro e a EEI de Cesantes “garantindo un acceso moito máis cómodo e seguro para os cativos e as familias”. Así mesmo, o edil destacou o impacto positivo que terá a actuación na mobilidade diaria de toda a parroquia, xa que permitirá “unha mellor comunicación entre o torreiro da igrexa de San Pedro ata a praia de Cesantes”.
O proxecto presta unha especial atención ao sistema de canalización de augas pluviais. Procederase á limpeza profunda de todas as gabias e taludes lindeiros e instalarase unha canaleta de recollida de augas.
O orzamento para licitar o proxecto ascende a 65.000 euros, e será financiado en parte cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) de 53.915 euros, dentro do plan de Axudas a Camiños Rurais.


