A Deputación de Pontevedra recoñeceu, un ano máis, o traballo feito dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. A axuda concedida a este servizo municipal acada a cifra de 20 625€ –a máxima cantidade posible– co obxectivo do reforzo e mantemento do SNL. A concelleira de Normalización e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou “a importancia da colaboración en materia lingüística coa Deputación e a necesidade de avanzar en medidas de apoio á normalización”. Esta axuda, indicou, “contribuirá a continuar en proxectos ambiciosos como a Semaniña Enteira ou os traballos de microtoponimia".
A alcaldesa redondelá reiterou o papel pioneiro de Redondela en materia de normalización lingüística “Fomos un dos primeiros concellos de Galicia en apostar polo noso idioma e seguimos tratando de abrir novos camiños que sexan ademais útiles para outros municipios do país.”