Concello de Redondela

Redondela reivindica a voz feminina baixo o lema “Palabra de Muller” na programación do 8M

Iria Vilaboa, Rita Pérez, Almudena Suárez (de pé); Arantxa Treus, Digna Rivas, Pilar Martínez, Olga Cuervo (sentadas)

– A programación inclúe xornadas de debate, monólogos, conferencias e contacontos para visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos sociais. As actividades contarán coa participación de figuras como as actrices Arantxa Treus, Jazmín Abuín e Olga Cuervo ou as xornalistas Carolina Sertal, Paula Montes e Claudia Morán.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que “este ano queremos poñer o foco na palabra como ferramenta de transformación e empoderamento”. O Multiúsos da Xunqueira acollerá unha mostra colectiva dos centros de ensino, centros de día e asociacións redondelás sobre o que significa “ser muller hoxe”. As súas “palabras” serán un símbolo para visibilizar “a diversidade, a loita e os avances cara á igualdade”, sinala Iria Vilaboa.

O Concello de Redondela reafirma o seu compromiso coa igualdade real coa presentación da programación institucional para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Baixo o lema “Palabra de Muller”, a Concellería de Igualdade deseñou unha axenda transversal que busca dar voz e visibilidade ás mulleres nas letras, a ciencia, o activismo e as artes.

No acto de presentación participaron a alcaldesa, Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez. Tamén estiveron presentes algunhas das protagonistas desta edición: a actriz Arantxa Treus, a docente Almudena Suárez, a pediatra Pilar Martínez e a contacontos Olga Cuervo. A alcaldesa destacou que “este ano queremos poñer o foco na palabra como ferramenta de transformación e empoderamento”, mentres que a concelleira Iria Vilaboa subliñou a importancia das VI Xornadas Gemma Pereira Otero, que serán o eixo central de debate os venres 6 e 13 de marzo.

O programa arranca o xoves 5 de marzo na Biblioteca Xela Arias de Chapela cunha conferencia sobre Rosalía de Castro e o feminismo a cargo de Anxo Angueira, doutor en Filoloxía Galega e presidente da Fundación Rosalía.

As VI Xornadas Gemma Pereira Otero (Oficina de Turismo, 19:30 h) dividiránse en dúas mesas redondas: o 6 de marzo: “Mulleres de Letras”, coas xornalistas Carolina Sertal (Faro de Vigo), Paula Montes (RadioVigo) e Claudia Morán (Nós Diario, gañadora do V Premio Sesé Mateo); o 13 de marzo o faladoiro levará por título: “Mulleres Invisibilizadas”, coas intervencións de Pilar Martínez (Médica pediatra e fundadora da ONG Da Man), Mª José Rodríguez (Xefa da Unidade de Violencia Contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra), Enma Torres (decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo), e Almudena Suárez (Profesora no IES Mendiño e primeira muller segrar autorizada pola Diocese de Tui-Vigo para dirixir a Celebración da Palabra).

O lecer e a reivindicación daranse a man o domingo 8 de marzo no Multiúsos da Xunqueira co monólogo “Meigags”, protagonizado por Arantxa Treus e Jazmín Abuín.

O luns 9 de marzo, terá lugar o acto institucional na Praza do Concello, onde a actriz redondelá Olga Cuervo será a encargada de ler a Declaración Institucional.

A programación complétase coa inauguración da exposición “Palabra de Muller” o 10 de marzo, coas mensaxes creadas por centros de ensino, centros de día, colectivos e asociacións redondelás. Trátase de “involucrar a todos e todas neste Día Internacional da Muller”, como explica Iria Vilaboa, “por iso abrimos a mostra colectiva a toda a sociedade, para que escriban a palabra que represente o que significa ser muller hoxe”. O obxectivo é dar voz ás mulleres e ás súas experiencias, “convertendo esa palabra nun símbolo colectivo que visibilice a diversidade, a loita e os avances cara á igualdade”.

A programación inclúe actividades dirixidas ao público infantil co contacontos “Elas tamén contan”, que levará a Olga Cuervo ata Chapela o venres 20 de marzo.

O Concello de Redondela convida a toda a veciñanza a participar nestes actos, todos con entrada de balde. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do correo igualdade@redondela.gal.

Compartir