Concello de Redondela

Un total de 450 maiores visitaron a ría de Arousa co programa “Redondela descubre”

– O Concello de Redondela celebra o grande éxito de participación da saída cultural e de lecer ao Grove destinada á maiores de 55 anos. Os participantes puideron gozar dunha viaxe en barco e a visita aos espazos naturais e históricos de Moreiras e Adro Vello, así como un percorrido pola localidade de Combarro.

– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que o obxectivo principal é ofrecer “unha alternativa de ocio saudable, estreitando lazos entre a veciñanza das diferentes parroquias”. Nos vindeiros meses organizaranse viaxes a Betanzos, Noia e O Carballiño.

O Concello de Redondela celebra o grande éxito de participación na saída cultural e de lecer ao Grove organizada pola concellería de Maiores. Nas tres saídas celebradas esta semana, cun día de duración cada unha, participaron un total de 450 persoas maiores de 55 anos. Na xornada puideron coñecer o espazo natural de Punta Moreiras, así como a área arqueolóxica Adro Vello. A excursión incluíu unha travesía en barco pola ría de Arousa, culminando a experiencia cunha comida a bordo. Para pechar a viaxe, a expedición fixo unha parada na localidade de Combarro, percorreron o seu casco histórico cos seus característicos hórreos.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que o obxectivo principal do programa “Redondela descubre” é ofrecer “unha alternativa de ocio saudable, estreitando lazos entre a veciñanza das diferentes parroquias polo que é unha actividade fundamental parae fomentar o envellecemento activo e social”.

A concelleira de Maiores, Iria Vilaboa, lembra que nos vindeiros meses organizaranse viaxes a Betanzos, Noia e O Carballiño, para que os maiores poidan coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico de Galicia. En total son 1.800 prazas as que se ofertan neste programa. Cada viaxe conta con 450 prazas, distribuídas en tres quendas de 150 persoas por día para garantir a comodidade e a calidade das visitas.

Compartir