– Un total de 14 maios competiron nas diferentes modalidades, enchendo as rúas de cor, música e retranca. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou “a gran participación das novas xeracións que garanten o futuro desta tradición”.
edondela volveu demostrar hoxe o seu orgullo polas tradicións coa celebración da Festa dos Maios, unha xornada marcada pola alta participación e a espectacularidade dos maios que participaron no concurso. Máis de 300 nenos e nenas foron os grandes protagonistas dun certame que encheu a Alameda Castelao de estruturas florais, a música e coplas. Este ano participaron 14 composicións nas diferentes modalidades: Case non chegamos, Maio Sapiens, O Cruceiro dos Cortizos, O Cono do Chan das Pipas, Maio Somos do Clube, Rapazada da Farola, Vémonos na Cruz, A Tradición de Quintela, Trisquel, Eidiños, Cono de Laredo, Rapazada, Maio Laredo e Xa cheira a fiuncho.
A alcaldesa, Digna Rivas, amosouse moi satisfeita polo éxito da convocatoria e subliñou o papel fundamental da infancia no mantemento desta festividade: “Ver a máis de 300 nenos e nenas implicados nesta festa é a mellor proba de que a nosa tradición segue máis viva ca nunca e garanten que os Maios de Redondela teñan un futuro espléndido”, sinalou.
Con esta celebración, o Concello reafirma o seu compromiso coa cultura popular, poñendo en valor un patrimonio inmaterial que define a identidade do municipio. Desde a concellería de Cultura, ademais de outorgar unha axuda a cada maio participante, premia tamén aos mellores cun total de 12 galardóns, 3 en cada unha das categorías. O primeiro premio está dotado con 300 euros, o segundo con 250 euros e o terceiro recibe 200 euros. O xurado, integrado integrado pola xornalista Alicia Tizón, o filólogo Xosé Couñago e o presidente do Obradoiro de Estudos Redondeláns, José Antonio Martínez, tiveron a difícil labor de escoller aos galardoados nesta edición, que foron os seguintes:
Premios Maio Tradicional
1º Premio: Chan das Pipas; 2º Premio: Case non chegamos; 3º Premio: Trisquel
Premios Maio Artístico
1º Premio: Somos do Clube; 2º Premio: Maio Sapiens; 3º Premio: Rapazada da Farola
Premios Coplas
1º Premio: Somos do Clube; 2º Premio: Case non chegamos; 3º Premio: Vémonos na Cruz
Premios Interpretación
1º Premio: Eidiños; 2º Premio: Rapazada da Farola; 3º Premio: Quintela.
