– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que a modalidade de autoxestión permite aos centros de ensino facer fronte aos seus gastos “dun xeito directo e máis áxil”. O obxectivo do Concello é “que os centros públicos estean nas mellores condicións posibles para o alumnado e o profesorado”, explicou a alcaldesa.
– O Concello advirte que a maioría dos centros públicos teñen décadas de antigüidade e están obsoletos. Rivas lembra que malia as reiteradas demandas da comunidade educativa para obras urxentes seguen á espera dunha solución por parte da Xunta de Galicia.
Oito colexios públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIP) terán 105.000 euros de fondos do Concello para mantemento, pequenos arranxos e melloras nos centros. A alcaldesa, Digna Rivas, asinou coa dirección dos colexios os convenios económicos para cubrir as necesidades das instalacións escolares, un acto no que particiou tamén o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez. Rivas explicou que co programa de autoxestión os centros escolares afrontan directamente o mantemento, conservación e reparación das súas instalacións. Os colexios que se adheriron a este convenio de autoxestión son os CEIP Alexandre Bóveda, Cedeira, Igrexa, Laredo, Outeiro das Penas, Porto Cabeiro, Quintela e Reboreda.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que esta modalidade de colaboración permite aos centros de ensino facer fronte aos seus gastos “dun xeito directo e máis áxil”, sen ter que depender de trámites administrativos para intervencións urxentes ou básicas. A achega municipal está destinada a cubrir gastos correntes derivados de traballos de mantemento e reparacións ordinarias en áreas como a xardinería, carpintería, pintura, fontanería, albanelaría ou electricidade. “O noso obxectivo é que os colexios públicos estean nas mellores condicións posibles para o alumnado e o profesorado”.
O Concello advirte que a maioría dos centros públicos do municipio teñen décadas de antigüidade e están obsoletos. Están detalladas deficiencias graves nunha ducia de colexios que xa foron trasladadas hai meses á Xunta de Galicia, adeministración que ten as competencias en Ensino. Unha das actuacións máis urxentes é a renovación da cuberta do CEIP Laredo. Malia existir un informe técnico e unha orde de execución desde xaneiro 2025 o colexio de Chapela segue á espera da actuación da Xunta. “Por responsabilidade e para evitar riscos” o Concello adoptour medidas de seguridade preventivas cun valado perimetral. No EEI A Marisma e CEP Santa Mariña precisan habilitar comedores escolares, nos CEIP Cedeira e CEIP Quintela solicitan o peche das pistas deportivas e no CEIP Alexandre Bóveda urxen a revisión da cuberta e das ventás, entre outras demandas.