Concello de Redondela

Concello e ANPAS demandan á Xunta unha solución para os comedores de Santa Mariña e Marisma “dentro dos colexios”

– A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, reuníronse coas ANPAS da EEI A Marisma e o CEIP Santa Mariña para recoller as súas necesidades e demandas. Na xuntanza acordouse demandar á Xunta a instalación dos comedores escolares “dentro dos propios centros de ensino”. Actualmente empregan uns locais cedidos polo Concello nas inmediacións dos colexios.
– O Concello de Redondela reitera tamén á Xunta a necesidade “urxente” de reparar o tellado do CEIP Laredo, en Chapela, que presenta un grave risco de desprendemento. A alcaldesa agarda desde hai un mes unha contestación por parte da Consellería de Ensino para manter unha xuntanza na que trasladarlle estas e outras demandas.

A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, reuníronse con representantes das ANPAS dos centros públicos EEI A Marisma e CEIP Santa Mariña para recoller as súas necesidades e demandas. O maior problema para as familias destes colexios, onde estudan nenos e nenas de 3 a 6 anos e de 6 a 12 respectivamente, é a situación dos seus comedores escolares. Ante a inexistencia deste servizo nos propios centros, as ANPAS empregan como comedores escolares dúas instalacións municipais cedidas polo Concello no Paseo do Pexegueiro, nas proximidades dos colexios. Trátase dunha solución que ofrecera o Concello “para dar resposta á necesidade de moitas familias, malia non ser unha competencia municipal”. Actualmente son máis de cen nenos e nenas os que fan uso do servizo de comedor escolar entre os dous centros, e algúns menores quedaron fóra por falta de prazas. O que reclaman á Xunta de Galicia, tanto as familias como o Concello, é que a Consellería habilite nos propios centros escolares un espazo para os comedores. As ANPAS afirman que hai espazos dispoñibles nos dous colexios para instalar o comedor, e demandan á Consellería que os adapte para utilizalos como comedor. Deste xeito evitaríanse os desprazamentos de nenos e nenas, que agora deben saír do colexio para o servizo de comedor, cos riscos que iso implica.

As familias do EEI A Marisma comezaron tamén unha recollida de sinaturas para esixir á Consellería de Educación da Xunta de Galicia “a execución de medidas urxentes e inmediatas para regular o comedor xestionado pola ANPA”.

Reparación do tellado do CEIP Laredo

O Concello de Redondela reitera tamén á Xunta a necesidade “urxente” de reparar o tellado do CEIP Laredo, en Chapela, que presenta un grave risco de desprendemento. A comezos de ano o Concello instalou un valado perimetral e unha rede “para evitar riscos en caso de desprendementos do tellado”, explica Digna Rivas. O goberno local asumiu estas obras “por responsabilidade” pero segue á espera de que a Xunta de Galicia poña “data e prazos concretos para a reforma integral da cuberta”. Hai máis dun mes a Alcaldía de Redondela solicitou á Xefatura Provincial de Ensino unha xuntanza para abordar estas e outras cuestións “que son urxentes para o bo funcionamento dos centros escolares do municipio”. A alcaldesa denuncia que ata o de agora non se recibiu resposta.

Compartir