Concello de Redondela

Redondela pechou 2025 con actuacións pioneiras en servizos sociais e grandes proxectos urbanísticos

– A alcaldesa, Digna Rivas, amósase especialmente satisfeita de programas innovadores e pioneiros para apoiar ás persoas máis vulnerables. É o caso do Servizo de “Atención e coidado inmediato” de apoio ás vítimas de violencia machista, o protocolo para protexer ás traballadoras do SAF e o novo servizo de Atención Temperá que será referente comarcal para nenos e nenas con necesidades especiais.
– En canto a proxectos urbanísticos, Rivas destaca a compra de Villa Elisa, un edificio emblemático que acollerá a nova biblioteca municipal. Tamén se realizou o segundo tramo da Vía Verde en Chapela, a reforma no campo de Santa Mariña, o proxecto de reforma integral do camiño Cidadelle e a licitación do proxecto de redacción da avenida Mendiño. Rivas afirma que 2025 foi un ano “moi produtivo, no que o goberno local traballou arreo e os feitos así o demostran”.

O Concello de Redondela pechou o exercicio 2025 cun balance moi positivo con grandes proxectos urbanísticos postos en marcha e novos servizos para a cidadanía, especialmente para a persoas máis vulnerables. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que 2025 foi un ano “moi produtivo” no que o goberno local traballou “arreo” e os feitos así o demostran.

A rexedora amósase especialmente satisfeita de varias actuacións postas en marcha desde o departamento de Servizos Sociais que son “pioneiras”. É o caso do Servizo de “Atención e coidado inmediato” de apoio ás vítimas de violencia machista. Este servizo está dispoñible os 365 días do ano para atender aos fillos e fillas, así como a maiores dependentes que estean a cargo das mulleres. O Concello está a ultimar tamén un acordo para proporcionar un recurso habitacional ás vítimas que se vexan obrigadas a abandonar o seu domicilio.

No Servizo de Atención no Fogar para persoas dependentes, Redondela foi dos primeiros Concellos en asinar cos sindicatos e coa empresa que presta o servizo un protocolo para protexer ás traballadoras. Con este acordo o Concello adiántase á Xunta de Galicia e establecen medidas de prevención e actuación ante situacións de risco para as traballadoras do SAF. Rivas defende a importancia deste protocolo porque as coidadoras que atenden aos usuarios nos domicilios “non poden traballar con medo e teñen dereito a interromper o servizo cando perciban unha situación de risco”.

Na atención á infancia, desde Redondela acadouse a posta en marcha dun novo servizo de Atención Temperá que comezará a funcionar no primeiro trimestre deste ano. O servizo préstase en colaboración cos municipios de Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos. A asistencia de Atención Temperá farase en Redondela para a poboación infantil de 0 a 6 anos dos catro municipios. Os nenos e nenas accederán a este recurso mediante derivación do seu pediatra. Rivas explica que o obxectivo principal é ofrecer este recurso “imprescindible” para moitas crianzas e as súas familias, e facelo “de xeito precoz e no seu entorno máis próximo”.

En canto a proxectos urbanísticos, Rivas destaca a compra de Villa Elisa, un edificio emblemático da vila de Redondela que xa é patrimonio público. O inmoble acollerá a nova biblioteca municipal, servizos culturais e un xardín público. No centro da vila transformouse tamén a zona do Salgueiral, onde se mellorou a seguridade para os peóns. Tamén se fixo realidade o segundo tramo da Vía Verde en Chapela, que mellora a mobilidade na parroquia e ofrece novas zonas de descanso e lecer. Nas instalacións deportivas puxéronse en marcha as obras de reforma no campo municipal de Santa Mariña, que estaban obsoletas.

Tamén se remataron importantes proxectos técnicos que se transformarán en grandes obras neste 2026, como o proxecto para a reforma integral do camiño Cidadelle, en Chapela, onde se crearán sete miradoiros con espazos de descanso e de lecer, e a licitación para redactar o proxecto da avenida Mendiño.

A alcaldesa amósase tamén moi satisfeita da creación dunha nova concellería, a de Memoria Democrática, da que ela é responsable. Nesta área trabállase na difusión da historia de San Simón “para frear o discurso da ultradereita que branquea o réxime franquista”. Esta concellería traballa tamén co Ministerio da área ao ser declarada a illa Lugar de Memoria Democrática polo goberno central.

Compartir