Concello de Redondela

Redondela aposta polo emprego cun programa de formación para cen persoas

– A alcaldesa animou aos participantes do XIII Programa Integrado de Emprego de Redondela a aproveitar a formación que lles ofrece este plan dun ano de duración. Digna Rivas Rivas destacou os bos resultados acadados no programa de emprego do ano pasado, no que 85 persoas conseguiron un contrato de traballo.
– No programa, cun ano de duración, participan cen veciños e veciñas de Redondela desempregados que reciben formación, orientación laboral, asesoramento na busca de emprego e prácticas en empresas. Hoxe recibiron unha charla da asesora Carol Juárez, experta en emprendemento.

O auditorio da Xunqueira acolleu este mércores a presentación do XIII Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela, no que participan un cento de veciños e veciñas desempregados do municipio. O obxectivo do plan é mellorar a formación destas persoas para que se incorporen ao mercado laboral. A alcaldesa, Digna Rivas, participou no acto xunto ao concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, e a responsable do programa Belén Oblanca.

Entre os cen participantes no Programa Integrado de Emprego hai diferentes perfís de persoas desempregadas: menores de 30 anos, maiores de 52, parados de longa duración, persoas con discapacidade, mulleres e persoas en risco de exclusión social, entre outros.

A rexedora deulles a benvida e felicitounos por formar parte deste programa “porque todos e todas tedes un gran potencial e co voso esforzo e a formación que ides recibir será posible acadar o obxectivo de atopar un emprego”. Rivas recoñeceu que “non será doado”, pero amosouse convencida que “con gañas e esforzo será posible”. Como exemplo a alcaldesa lembrou os datos acadados no programa celebrado o ano pasado, no que “se superou amplamente o obxectivo de inserción laboral”. Foron un total de 85 as persoas que acadaron un contrato de traballo en sectores como a industria da automoción, loxística, servizos e comercio.

Os participantes reciben formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo, orientación laboral e tamén poden realizar prácticas en empresas. As accións teñen sempre en conta as demandas do mercado laboral da comarca, así como as características profesionais dos participantes. O programa deste ano inclúe tamén as tecnoloxías emerxentes e a Intelixencia Artificial, que se empregarán para analizar postos de traballo, buscar ofertas de emprego, crear currículums profesionais ou preparar entrevistas de traballo. O contacto directo co mundo laboral é outra das vantaxes da programación, con visitas guiadas a empresas, xornadas de portas abertas, Masterclass, asistencia a feiras de emprego, etc. Hoxe participaron na charla “Ferramentas de coaching e técnicas motivacionais para a busca de emprego” a cargo da asesora Carol Juárez, experta en emprendemento.

O programa, cun orzamento de 256.000 euros, está financiado pola Consellería de Emprego e o Servizo Público de Emprego do Ministerio de Traballo, co cofinanciamento do Concello de Redondela.

Compartir