– A actuación, cun investimento de preto de 20.000 euros, supuxo a renovación integral de case 1.000 metros cadrados de firme en dúas vías que levaban décadas sen ser asfaltadas.
– O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, destaca que estas melloras “garanten a seguridade e a mobilidade nunha zona cunha alta demanda veciñal”.
A Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade de Redondela, que dirixe Roberto Villar, concluíu as obras de pavimentación e mellora nos camiños das Laxes e Carreiro da Auga, na parroquia de Reboreda. Os traballos, que contaron cun orzamento de 19.549 euros, xa están operativos para o uso da veciñanza.
A intervención centrouse na renovación do pavimento con aglomerado asfáltico en quente, cubrindo unha superficie total de 977 metros cadrados. No caso do Camiño das Laxes, a actuación abarcou 115 metros de lonxitude desde o estreitamento ata o encontro coa estrada PO-250, onde tamén se instalou unha nova canaleta de drenaxe para evitar a acumulación de augas pluviais. Pola súa banda, no Carreiro da Auga pavimentáronse 105 metros lineais, desde o cruzamento co Camiño das Laxes ata o fondo do camiño.
O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, amosou a súa satisfacción polo resultado final dunha obra que cualificou de “prioritaria”. Segundo explicou o edil, “estamos a falar de camiños que levaban décadas sen unha actuación seria de asfaltado, o que provocaba fochancas e problemas de seguridade constantes. Co novo firme e a mellora da drenaxe, non só gañamos en comodidade para os vehículos, senón que garantimos unha mobilidade moito máis segura para os peóns”. Villar subliñou que esta actuación se enmarca no plan de mellora de viais municipais que está a desenvolver o seu departamento. “O noso compromiso é atender as demandas históricas das parroquias. Mellorar o acceso ás vivendas e a seguridade dos camiños rurais é unha cuestión de calidade de vida básica”, sinalou o concelleiro, quen adiantou que desde a súa concellería “seguiremos traballando para mobilizar investimentos, tanto propios como doutras administracións, para que Redondela conte cunha rede de estradas modernas e ben conservadas”.
