Concello de Redondela

O Concello investirá máis de 264.000 euros na segunda fase da Subida a Trasmañó

– O proxecto inclúe a pavimentación e mellora na segunda fase da Subida a Trasmañó e Estrada da Autopista. Será unha intervención integral para renovar o firme e mellorar a seguridade viaria nuns camiños con moita densidade de tráfico. A primeira fase da Subida a Trasmañó xa se aprobara no Plan de Investimento do Concello nos Camiños Municipais con case 139.000 euros.
– A actaución confirma o compromiso do Goberno local coas parroquias, atendendo ás demandas de mellora de accesos. A alcaldesa, Digna Rivas, subliña a importancia destas obras para a cohesión territorial no municipio: “Estas inversións dan resposta ás necesidades de seguridade e mobilidade nunha zona fundamental de Trasmañó”.

O Concello de Redondela continúa co seu plan de modernización e mantemento das infraestruturas rurais e urbanas do municipio. A alcaldesa, Digna Rivas, anunciou hoxe o proxecto de pavimentación e mellora dos camiños Subida a Trasmañó e a Estrada da Autopista, na parroquia de Trasmañó, que contará cun investimento superior aos 264.000 euros.

Esta actuación levarase a cabo ao abeiro do Plan de obras e servizos de competencia municipal (Plan Máis Provincia) 2026-2027 da Deputación de Pontevedra. O Concello xa solicitou formalmente a subvención para a anualidade 2026, incluíndo o traspaso de fondos para garantir o financiamento íntegro desta obra necesaria para a veciñanza. O proxecto técnico contempla unha intervención integral para renovar o firme e mellorar a seguridade viaria nuns camiños que soportan unha carga constante de tráfico.

Esta obra confirma o compromiso do Goberno local coas parroquias, atendendo ás demandas de mellora de accesos. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliña a importancia deste investimento para a cohesión territorial do municipio: “A nosa prioridade é que todos os veciños e veciñas de Redondela, vivan onde vivan, conten con servizos e infraestruturas axeitados. Con esta obra en Trasmañó, damos resposta a unha necesidade de seguridade e mobilidade nunha zona fundamental da parroquia”.

Rivas destacou a axilidade administrativa para presentar un proxecto optimizado: “Traballamos para aproveitar ao máximo cada euro dos plans provinciais. Neste caso, mobilizamos todos os recursos posibles do Plan Máis Provincia para que o proxecto de Trasmañó sexa unha realidade canto antes”.

O orzamento de licitación ascende a 264.221,59 euros e o proxecto cumpre cos todos os estándares técnicos municipais e provinciais, asegurando que a execución cumpra cos prazos previstos para a anualidade de 2026.

Máis de 450.00 euros para melloras en camiños de Trasmañó

As obras que se inclúen no Plan Máis Provincia corresponden á segunda fase da Subida a Trasmañó, xa . A primeira fase desta vía está recollida no Plan de Investimento en Camiños Municipais do ano 2026. No programa de actuacións do Concello, que conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros, inclúense a primeira fase da Subida a Trasmañó (137.898 euros), o camiño da Cabadesa (22.990 euros) e a estrada da Lamosa e camiño Minada (33.886 euros). O investimento co plan municipal na parroquia é de 194.774 euros, aos que hai que sumar os máis de 264.000 da segunda fase da Subida a Trasmañó do Plan Máis Provincia. Rivas sinala que en total, o investimento nos camiños da parroquia suman 458.995 euros “o que demostra con feitos o compromiso firme deste goberno local coas necesidades das parroquias”.

Compartir