Concello de Redondela

Rivas reivindica na Coruña o poder da cultura como motor de igualdade no “III Encontro de Alcaldesas”

– A rexedora redondelá asinou a ‘III Declaración de María Pita’ xunto a dirixentes de todo o Estado nun foro centrado no liderado feminino e a xestión cultural municipal. “A cultura non é un elemento accesorio, é unha ferramenta fundamental para construír vilas máis xustas, diversas e igualitarias. Desde o municipalismo debemos consolidar espazos de xestión con ollada feminista”, salientou Rivas.

A alcaldesa do Concello de Redondela, Digna Rivas, participou na Coruña no III Encontro de Alcaldesas celebrado onte. Esta cita de alcance estatal reúne ás principais rexedoras e mulleres referentes do sector baixo o lema “Cultura Feminista, Feminismo na Cultura. As alcaldesas falan”. O obxectivo central do foro é analizar o impacto transformador das políticas culturais locais desde unha perspectiva estritamente feminista. No Pazo Municipal de María Pita Digna Rivas rubricou, xunto ao resto de alcaldesas participantes, a III Declaración de María Pita, un manifesto conxunto que reafirma o compromiso dos gobernos locais co deseño de estratexias culturais que “visibilicen, protexan e impulsen o talento das mulleres”.

“A cultura non é un elemento accesorio, é unha ferramenta fundamental para construír vilas máis xustas, diversas e igualitarias. Cómpre compartir experiencias entre Concellos, xa que desde o municipalismo debemos consolidar estes espazos de xestión con ollada feminista”, salientou a alcaldesa de Redondela. Rivas agradeceu a iniciativa e o convite do Concello da Coruña. Con este desprazamento, o Goberno local de Redondela mantén o seu posicionamento activo nas redes de gobernanza estatal, exportando o modelo de xestión do municipio e estreitando lazos de cooperación institucional con outras administracións locais en materia de igualdade real.

Compartir