Concello de Redondela

“Mariscando conCiencias” celebra unha xornada sobre pesca artesanal arredor do mundo

O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, reuniuse co equipo de traballo de “Mariscando conCiencias para o Futuro”

– Dende marzo, máis dun cento de escolares e colectivos achegáronse aos oficios do mar da man das súas profesionais e do Future Oceans Lab da Uvigo. A colaboración da Universidade foi clave para explicar a alta mortandade de marisco e o impacto ambiental que sofre a enseada de San Simón pola contaminación e o cambio climático.
– A vindeira cita será o 2 de xuño cunha xornada sobre a pesca artesanal no mundo que contará con investigadoras e traballos audiovisuais realizados por mulleres do mar de Xapón, México ou O Salvador.

O Concello de Redondela fai un balance moi positivo do programa “Mariscando conCiencias para o Futuro” tras os seus primeiros meses de andaina. Esta iniciativa, que nace da intersección entre as ciencias do mar, a pesca artesanal e a arte comunitaria, reuniu xa a máis dun cento de persoas nas súas actividades. O obxectivo é dignificar os oficios do mar e concienciar sobre a saúde ambiental da nosa costa, así como establecer alianzas con asociacións e xente do mar para reflexionar sobre o pasado, presente e futuro da pesca artesanal.

Dende o mes de marzo, o alumnado de varios CEIPs do municipio e persoas vinculadas á asociación Lenda participaron en xornadas onde mariscadoras a pé e mariñeiros de litoral compartiron os segredos das súas artes. Os participantes aprenderon sobre as ferramentas, a organización do sector e a importancia do carácter artesanal da pesca. A parte práctica permitiu aos asistentes por as botas de auga para identificar especies como ameixas, berberechos ou longueiróns. Nesta fase, a colaboración do Future Oceans Lab (UVigo) foi clave para explicar a alta mortaldade de marisco e os impactos ambientais que sofre a enseada de San Simón pol contaminación e o cambio climático.

Próxima cita: 2 de xuño, unha ollada global

O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, reuniuse co equipo de traballo nunha sesión na que perfilaron a próxima actividade. Será o 2 de xuño no Multiusos da Xunqueira cunha xornada dedicada á “Pesca costeira artesanal arredor do mundo”. Redondela será o punto de encontro para analizar a situación actual do sector. A xornada contará coa participación de investigadoras e mariscadoras que dialogarán sobre os retos globais do mar. A programación incluirá a proxección de testemuños en vídeo de mulleres do mar de países como Xapón ou México, permitindo coñecer as realidades locais coas doutros continentes. Ademais, inaugurarase unha exposición fotográfica sobre as mulleres do mar do Salvador, elaborada por ACPP Galicia que reforza o carácter multicultural da iniciativa.

“Mariscando conCiencias para o Futuro” é un proxecto promovido por Amarturmar, Artelixo, Future Oceans Lab (UVigo), Cidadania S. Coop. Galega e o Concello de Redondela, contando co financiamento da Fundación Daniel y Nina Carasso.

Compartir