Concello de Redondela

Os propietarios de terreos en Reboreda poden solicitar a SEAGA limpeza na faixa secundaria

– A parroquia de Reboreda foi incluída no PLADIGA (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia), como zona prioritaria. Isto permite aos propietarios de terreos contratar a roza coa empresa pública SEAGA cunha tarifa reducida a partir dos 420 euros por hectárea se están na faixa secundaria (no perímetro de 50 metros arredor das vivendas ou núcelos de poboación).
– O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que esta medida busca facilitar o cumprimento da normativa de prevención de incendios, que establece a obriga dos propietarios de ter as leiras limpas antes do 31 de maio para garantir a seguridade. Nesa data darán comezo as inspeccións técnicas e o incumprimento da norma será obxecto de sancións económicas.

O Concello de Redondela informa á veciñanza que a parroquia de Reboreda foi incluída no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) como parroquia prioritaria, logo dos graves incendios que se produciron nesta parroquia.

Os titulares de terreos en Reboreda que estean situados na faixa secundaria de xestión de biomasa (50 metros arredor de vivendas e núcleos de poboación) poden solicitar o servizo de roza e limpeza á empresa pública SEAGA (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos). O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que esta medida busca facilitar o cumprimento da normativa de prevención de incendios, que establece a obriga dos propietarios de ter as leiras limpas antes do 31 de maio, data na que darán comezo as inspeccións técnicas nas faixas secundarias.

O convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Redondela permite aos particulares adherirse a este servizo, ofrecendo SEAGA unha tarifa bonificada desde 420 euros por hectárea.

A priorización de Reboreda responde a criterios técnicos do PLADIGA, que pon o foco en zonas con especial necesidade de xestión de biomasa para garantir a seguridade da poboación ante o risco de incendios forestais. O Concello lembra que o mantemento e a limpeza das parcelas é responsabilidade dos seus donos, e insta aos veciños de Reboreda a aproveitar este servizo para cumprir coas obrigas legais e mellorar a seguridade do núcleo poboacional.

Compartir