– A alcaldesa, Digna Rivas, reivindicou o choco como o “ouro negro” da Enseada de San Simón. A rexedora destaca a “proxección nacional” que acadou esta edición, consolidando a cita como un referente gastronómico en toda Galicia e fóra das nosas fronteiras.
– O pregoeiro confesou o seu asombro pola calidade do produto e o calor da veciñanza: “Levarei a Redondela sempre no corazón”. A festa continúa esta tarde na carpa coa degustación do choco e os concertos da Rondalla de Redondela e o grupo Pa Ti Na Má.
O Concello de Redondela celebrou a XXXIX Festa do Choco, Festa de Interese Turístico de Galicia, pulverizando todos os rexistros de asistencia. A xornada dominical estivo marcada por un ambiente excepcional no Campo da Feira, onde milleiros de persoas se deron cita para gozar do produto estrela da gastronomía local e escoitar o pregón de Miguel Ángel Revilla. O pregoeiro espertou unha gran expectación, e non escatimou en eloxios cara á vila e o seu produto. Durante a súa intervención, Revilla destacou a “calidade” do choco de Redondela e amosouse emocionado pola acollida por parte dos veciños e veciñas, que o acompañaron con agarimo durante toda a fin de semana. “Prométovos que, a partir de hoxe, levarei a Redondela e á súa xente sempre no corazón”, unha confesión que arrancou os aplausos do público, que interrompeu o discurso en varias ocasións para ovacionar ao pregoeiro.
Pola súa banda a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, definiu o choco de Redondela como un símbolo de identidade: “Alá onde imos, chámannos choqueiros e choqueiras, e levámolo con moita honra porque o noso choco é o auténtico tesouro da Enseada”. Tamén ligou a celebración coa historia da Enseada e a Illa de San Simón, declarada Lugar de Memoria Democrática. Lembrou o papel das “madriñas”, mulleres solidarias que axudaron aos presos durante a ditadura, sinalando que “é un acto de xustiza necesario para que as novas xeracións saiban que Redondela é unha vila de solidariedade e dignidade”. A alcaldesa concluíu agradecendo a Revilla o seu papel como “o mellor embaixador do choco de Redondela”. Rivas destaca a “proxección nacional” que acadou esta edición da Festa do Choco, consolidando a cita como un referente gastronómico en toda Galicia e fóra das nosas fronteiras.
Coa carpa de degustación chea de visitantes de toda Galicia e fóra da comunidade, Redondela reafirma con esta 39ª edición o seu liderado como referente gastronómico e cultural.

