– O municipio acollerá os actos centrais de San Honorato, patrón das panaderías e pastelerías. Será o 27 de maio na Casona da Torre. O evento contará con actos abertos ao público: unha exhibición do alumnado do CIFP Manuel Antonio, enfocada en potenciar a formación, e unha conferencia do xornalista e divulgador Ibán Yarza.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou os actos de recoñecemento a persoas do sector, especialmente a homenaxe póstuma a Rubén Troiteiro, da Panadería Nosa Señora da Peneda, así como o recoñecemento ás mulleres do sector: “Foron o motor invisible que sostiña os fornos e sen o seu traballo non se entendería a excelencia da nosa terra”.
O Concello de Redondela foi elixido como a sede provincial para acoller a celebración de San Honorato 2026, o patrón dos panadeiros e panadeiras e das pastelerías. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto co presidente da Asociación Provincial de Industriais Panadeiros e Pasteleiros de Pontevedra (APROINPPA), Francisco Sánchez, o secretario, Antonio del Río, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, presentaron hoxe os detalles desta xornada que porá en valor a tradición e o futuro do sector.
A alcaldesa amosou a súa gratitude á asociación por elixir Redondela como sede dunha xornada tan importante e destacou o arraigo que o oficio do pan ten no municipio. Todos os actos concentraranse o vindeiro mércores 27 de maio na Casona da Torre, no que se reunirán máis dun cento de panadeiros e panadeiras. O evento contará cunha axenda completa que conxuga a aprendizaxe técnica co recoñecemento profesional.
A xornada comezará con dúas actividades abertas ao público en xeral. Ás 12.15 horas comezará unha exhibición a cargo do alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo, enfocada en potenciar a formación e o relevo das novas xeracións de panadeiros e pasteleiros. Ás 13.00 horas o recoñecido autor, xornalista e divulgador da cultura do pan, Ibán Yarza, ofrecerá unha conferencia.
As actividades da tarde están reservadas aos socios, e centrarase nos tradicionais recoñecementos a persoas vinculadas ao sector. Entre os homenaxeados deste ano estará, a título póstumo, Rubén Troiteiro, da Panadería Nosa Señora da Peneda. Rivas salientou que se trata dun negocio familiar que chega á quinta xeración “como referente de traballo e bo facer na parroquia do Viso”. Tamén se fará un recoñecemento público ás mulleres panadeiras e pasteleiras. A alcaldesa salienta esta posta en valor do traballo feminino por parte da asociación, xa que as mulleres “foron o motor invisible que sostiña os fornos e sen o seu traballo non se entendería a excelencia da nosa terra”.
A xornada rematará cun peche festivo cos cómicos Pedro Galocha e Jonathan Seoane.